O BNG volta demandar a intermediación da Deputación ante a exclusión financeira da cidadanía
Bernardo Varela reitera a necesidade de non permitir que aqueles que rescatamos cos fondos de todas e todos agora se permitan o luxo de deixarnos sen uns servizos básicos como os servizos financeiros
Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, volta propór que a Deputación medie ante o goberno do Estado, a Xunta así como ante as entidades financeiras para garantir horarios axeitados de atención persoal, así como unha rede de caixeiros e oficinas básicas no territorio dunha provincia tan eminentemente rural como a nosas.
O BNG xa presentara en mazo de 2021 unha proposta cunha serie de medidas para paralizar o peche de oficinas bancarias a redución dos xa mermados servizos financeiros da provincia e para evitar a destrución de postos de traballo en Ourense que estaba deixando sen cobertura de servizos financeiros básicos a moita veciñanza da nosa provincia, especialmente dañino para os nosos maiores.
Tanto daquelas, como na moción que o BNG presenta ante o pleno da Deputación de Ourense este venres, os nacionalistas poñen o foco no proceso de concentración e centralización que se está dando no sector bancario, e que nos últimos tempos se está agravando, afirma o voceiro do nacionalista, que sinala ademais como a perda continuada de servizos ten xerado problemas, longas colas ás entradas das entidades bancarias; obrigando aos seus usuarios a acometer longos desprazamentos para realizar unha simple operación, ou converter en dependentes a persoas perfectamente funcionais.
Tal como sinala o voceiro do BNG, todas as medidas que se están tomando dependen do voluntarismo das entidades e que en boa medida veñen motivadas pola presión mediática tras diferentes protestas sociais, pero que nada garante que as tímidas melloras involucionen unha vez deixe de pórse o foco mediático sobre o problema.
Como podemos observar dende o mes de abril, di Varela, non podemos decir que as demandas acordadas no Pleno tiveran especial eco para as entidades bancarias e os propios Gobernos do Estado e Galego, senón mais ben ao contrario, cunha precarización dos servizos.
Polo que compre actuar con determinación na protección inmediata das persoas, diante do aumento da exclusión financeira e as dificultades de acceso a servizos bancarios presenciais