A Casa da Maxia debe ser destinada para o que foi deseñada
Resulta cando menos curioso que o PP critique o uso como centro cívico da Casa da Maxia cando eles votaron en contra da proposta nacionalista de abrir as instalacións como o proxecto singular e diferenciado para o que fora deseñado.
Cando en marzo do 2013 se debatera esta moción do BNG, o equipo de goberno anunciara a súa intención de converter o edificio nun anexo do Centro Cívico Colón para acoller unha ludoteca máis tamén como espazo para desenvolver actividades que reclamaban moitas entidades e asociacións que non dispuñan de local.
Votando en contra da moción nacionalista, o PP apoiaba implícitamente reconverter a Casa da Maxia en anexo do centro cívico, dado que no debate non deu nengunha outra alternativa de uso, nin tampouco puxo reparos á legalidade e a posíbel devolución da subvención europea que agora argumenta.
Naquel momento e hoxe, o grupo municipal do BNG reiteralle ao grupo de goberno a petición de reconducir a situación e consolidar a Casa da Maxia como un atractivo máis para a cidade, tanto a nível cultural como turístico.
Hai que lembrar que a rehabilitación do inmóbel se fixo condicionada para o seu uso, tal e como manifestaran os arquitectos autores do proxecto de tal forma que, promover un reacondicionamento, podería provocar máis gastos así como o malgasto de fondos públicos en elementos que van quedar inservíbeis.
Para o BNG o proxecto de cidade -algo do que carece o actual equipo de goberno- implica a reactivación da zona histórica que tería moito máis atractivo turístico cun proxecto orixinal, único na Galiza, educativo e cultural.