Ante o colapso do xulgado de familia e da sección civil da Audiencia provincial, o BNG proporá a ampliación da planta xudicial no partido xudicial de Ourense
. Dotándoa dun novo xulgado de primeira instancia a fin de que coñeza os asuntos en materia de familia e capacidade.
. Creando unha nova praza de maxistrada ou maxistrado na sección civil da Audiencia Provincial.
Ourense, 24 de xaneiro de 2020. Para os nacionalistas, e máis concretamente para o deputado Iago Tabarés “son moitos os anos en que o Xulgado de Familia de Ourense ven soportado unhas taxas de conxestión elevadísimas e crecentes, polo que as medidas adoptadas nos últimos tempos deben considerarse claramente como insuficientes ou inadecuadas”.
Segundo o deputado do BNG por Ourense, “na recente visita do Presidente do Tribunal de Xustiza de Galiza ao partido xudicial de Ourense puido constatar persoalmente a situación de colapso que, desde hai anos, padece o Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, especializado en materia de familia e capacidade”. Para incidir no feito de que “a pesares das medidas de reforzo e apoio adoptadas de xeito continuado nos últimos anos, as taxas de conxestión son elevadísimas e, en todo caso, inaceptábeis para un servizo público esencial e máxime nunha materia singularmente delicada, como é o dereito da familia e da persoa”.
Ao anteriormente exposto hai que engadir que a suspensión, por non dicir supresión, do servizo de mediación familiar intraxudicial ou o reparto de asuntos entre os diferentes órganos xudiciais son medidas que en nada favorecen a axilización da administración de xustiza.
Lembran ademáis que desde hai anos se ven reclamando a creación dunha nova praza de maxistrado ou maxistrada, sendo a taxa de conxestión do órgano colexiado superior a dous puntos, duplicando o que podería constituír a taxa ordinaria.
Así, podería estimarse en tres ou catro anos o tempo para a resolución dun asunto de familia ou sobre capacidade das persoas no partido xudicial de Ourense o que en modo algún pode considerarse asumible.
Por todos estes motivos, o Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, ven de rexistrar varias iniciativas dirixidas ao Executivo galego para que adopte as medidas necesarias para resolver o problema de maneira eficaz.
Concretamente e segundo Tabarés, “solicitaremos da Xunta a ampliación da planta xudicial no partido xudicial de Ourense dotándoa dun novo xulgado de primeira instancia a fin de que coñeza os asuntos en materia de familia e capacidade, así como a creación dunha praza de maxistrada ou maxistrado na sección civil da Audiencia Provincial de Ourense”.
Do mesmo xeito pediranlle explicacións e unha avaliación do resultado das medidas adoptadas ao longo dos últimos anos, aínda que á vista está, lonxe de solucionar o problema, contribuíron ao seu enquistamento.