O Consello Local do BNG de Ourense ante a noticia da detención do alcalde
O Consello Local do BNG de Ourense, reunido hoxe día 20 de setembro, ante a noticia da detención do alcalde de Ourense e coa debida cautela para respectar o principio de presunción de inocencia, mentres se agardan máis datos posto que se decretou o segredo de sumario, quere emitir as seguintes consideracións:
1. Non temos máis información que a que se coñece a través dos medios de comunicación sobre o alcance da actuación que a Xustiza está a levar e na que está involucrado o alcalde de Ourense.
2. Polo tanto, neste momento descoñecemos os motivos que provocaron a actuación e a súa gravidade, así como se esta vai derivar despois nunha imputación do alcalde e por que cargos.
3. Tamén descoñecemos se as actuacións se derivan da súa actividade no exercicio do cargo de alcalde de Ourense.
4. Estamos á espera de que se produza a comparecencia do alcalde perante a xuíza instrutora e as consecuencias que dela se poidan derivar.
No caso de que se producise unha imputación en relación coa gravidade dos feitos que aparecen nos medios de comunicación, dende o BNG entendemos que, en aras de evitar o prexuízo á institución, o alcalde debería abandonar o cargo.
Ourense, 20 de setembro de 2012