A Executiva Local do BNG de Ourense ante o uso da lingua galega no Concello de Ourense
Ourense, 11 de marzo 2012. Posición da Executiva Local do BNG de Ourense ante o uso da lingua galega no Concello de Ourense.
A Executiva Local de Ourense do Bloque Nacionalista quere facer as seguintes consideracións:
O pasado xoves 8 de marzo, Día da Muller, desenvolvéronse diferentes actos de carácter institucional e cidadán nos que se evidenciou a falta de compromiso real pola igualdade do Grupo Municipal do PP na cidade de Ourense.
Nesa xornada celebrouse a entrega do VI Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, un acto organizado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Ourense e que se desenvolveu integramente en castelán.
Por este motivo, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos lembrar que o Estatuto de autonomía recolle que o galego é a lingua propia de Galiza e desa condición de lingua propia derívanse importantes consecuencias xurídicas. Dunha banda, é un mandato para os poderes públicos normalizaren a situación social do galego e contribuíren a corrixir a situación histórica de desigualdade co castelán. Doutra, ser lingua propia quere dicir ser a lingua da administración.
É, pois, responsabilidade das administracións locais, como poderes públicos, a promoción do uso normal da lingua galega en todas as instancias e situacións. A Administración municipal ten unha responsabilidade política e administrativa, atribuída tanto na Lei de normalización lingüística como na Lei de uso do galego polas entidades locais, e ten tamén unha responsabilidade social diante da cidadanía.
O artigo XIV da Ordenanza de normalización lingüística do Concello de Ourense di expresamente que Os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galiza sempre que a intervención sexa por razón propia do cargo.
Así pois, solicitamos do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE un compromiso efectivo lingua galega nas súas áreas de goberno no Concello de Ourense, segundo o coa legalmente establecido, así como o cumprimento do pacto de goberno asinado co Bloque Nacionalista Galego en relación con esta materia.
A responsábel local do BNG
Susana García Rodríguez