Luís Seara, candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ourense, viaxará a Bruxelas a vindeira semana para expór diante da Comisión Europea a situación límite na que se atopa a zona histórica

Xosé Carballido, Luís Seara e Rhut Reza antes da rolda de prensa

Seara ten claro que, “temos que buscar solucións a esta desfeita, e para iso non vale laiarse parapetándose no victimismo ou queixándose do mal que nos tratan as administracións. Cómpre un goberno proactivo, un goberno que pete nas portas, un goberno serio que teña como prioridade a recuperación integral da zona histórica cun proxecto sólido e de futuro”

Luís Seara, candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ourense, viaxará a Bruxelas a vindeira semana para expór diante da Comisión Europea a situación límite na que se atopa a zona histórica

Ourense, 27 de febreiro de 2023. O Portavoz e candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ourense Luís Seara, avanzou esta mañá en rolda de prensa que o próximo 6 de marzo viaxará a Bruxelas acompañado por Sonia Albor e Xosé Carballido dúas das persoas que conforman a candidatura nacionalista ao concello.

A viaxe, na que participa activamente a Eurodeputada nacionalista Ana Miranda, “e quen ten amosado o seu compromiso e sensibilidade con Ourense, sensibilidade e compromiso que non teñen amosado o resto das Eurodeputadas e Eurodeputados Galegos”, ten por obxecto dar a coñecer a situación na que actualmente se atopa a zona histórica da cidade e coñecer polo miúdo os Plans e Fondos europeos dispoñibles e aos que o concello poida optar.

Seara lembrou que “a preocupación do BNG pola situación da zona histórico ten sido unha constante ao longo do que levamos de mandato, o que provocou a presentación de numerosas iniciativas”, e engade, “somos conscientes de que temos unha xoia nas nosas mans, pero que a desidia e o desinterese por parte deste Goberno Local está a provocar que se estea a caer a pedazos, o que pode provocar, entre outras cousas, problemas de seguridade pública”.

E é que o conxunto histórico atópase nun estado de total abandono, sendo especialmente visible na zona Sur, no espazo que vai desde o Xardín do Posío até a Praza Maior. Segundo Seara, “até o de agora non se ten proxectado actuación ningunha que permita a rehabilitación do conxunto histórico, alén das subvencións cos particulares, esta zona precisa dunha recuperación integral, non soamente da edificación, senon tamén dos espazos públicos”.

Somos plenamente conscentes de que un Plan de Recuperación da zona histórica tan ambicioso non o pode asumir o concello exclusivamente. A envergadura dos proxectos precisan de cofinanciamento doutras administracións, e para iso temos presentado, tamén, iniciativas relativas á presentación de proxectos par captación de fondos do Plan de Resiliencia e Recuperación da UE, respecto ao Plan de Vivenda Estatal ou Plan Rexurbe, entre outras. Todas as nosas propostas teñen un obxectivo común, recuperar e dinamizar social e económicamente a zona histórica e integrala no resto da cidade”.

Así, nos últimos 10 anos, a zona histórica perdeu perto de 2.000 habitantes, quedándose nos actuais 3.800. Sendo isto dramático, a situación aínda pinta peor. A metade dos actuais habitantes teñen máis de 60 anos, e un terzo deles, máis de 80, o cal debuxa un panorama máis desolador se cabe, pois en poucos anos vaise incrementar de xeito notable o número de vivendas baleiras.

A zona histórica conta con 1.060 edificios e 3.170 vivendas. Do total dos edificios, hai 67 en ruína, 4 de titulariedade municipal, 132 en mal estado e 429 en estado deficiente. Máis da metade das vivendas, 1546 están baleiras, o que se incrementará notablemente nos vindeiros anos. O total de locais comerciais é de 900 uds, dos cales tan só 82, están ocupados, apenas un 9%. O número de solares baleiros é de 38, algúns deles co expediente caducado.

Luís Seara ten claro que “temos que buscar solucións a esta desfeita, e para iso non vale laiarse, parapetándose no victimismo pero sen dar un paso adiante, limitándose a queixarse do mal que nos tratan as administracións. Cómpre un goberno proactivo, un goberno que pete nas portas, un goberno serio, que teña como prioridade a recuperación integral da zona histórica, cun proxecto sólido e de futuro. Se algo ten amosado este goberno é a súa incapacidade”.

Desprazarémonos a Bruxelas para ter unha serie de reunións, e levar a problemática á Institución Europea. Neste momento, a UE ten numerosos programas para rehabilitación de zonas históricas e por iso queremos trasladar de viva voz as propostas que temos en relación con este marabilloso espazo da cidade e pedir compromisos que permitan sacar ao noso concello deste círculo vicioso no que está inmerso desde hai anos, e que de non atallalo lévanos á autodestrución”.

 

Luís Seara, candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ourense, viaxará a Bruxelas a vindeira semana para expór diante da Comisión Europea a situación límite na que se atopa a zona histórica