O mantemento da programación expositiva do Museo Municipal irá a pleno da man do BNG
Segundo os nacionalistas, cómpre ser firmes na defensa da programación expositiva do Museo Municipal de Ourense pois eliminar as exposicións das súas salas é, de facto, o seu desmantelamento
Ourense, 27 de setembro de 2021. O pasado día 09 de setembro o Goberno Local do que participa actualmente o PP anunciaba que o Museo Municipal trasladaría a totalidade da súa programación expositiva á Sala Valente para, segundo o goberno, “ter unha mellor localización e visibilidade”.
O BNG ven de rexistrar unha moción na que solicitan o mantemento da programación expositiva no propio Museo Municipal ao entender que privalo desta función é de facto, desmantelalo, algo que o actual rexedor, Gonzalo P. Jácome, ten afirmado querer facer en reiteradas ocasións.
Na exposición de motivos, os nacionalistas rescatan a moción presentada polo Partido Popular no pleno celebrado polo Concello de Ourense o pasado 08 de xaneiro de 2021. Moción na que pedían “Instar ao Goberno do Concello de Ourense a potenciar a actividade desenvolvida polo propio Museo Municipal, adqurindo o compromiso de realizar unha gran exposición ao ano, como dinamización cultural”. “Dotar de maior persoal ao Museo Municipal así como adoptar unha postura de respecto pola labor, tanto dos técnicos como dos programadores culturais”. E finalmente “Iniciar os trámites para adquirir o inmoble anexo ao Museo Municipal”.
Ditos acordos foron aprobados por PsdeG-PSOE, BNG, Cs, PP e non adscritos e que contou co único voto en contra dos concelleiros de Democracia Ourensana.
Para o BNG, as decisións que se adoptan no seo dun goberno, afectan e implican a todos os seus integrantes polo que a folla de ruta do alcalde no é exclusiva do alcalde senón de todas as concelleiras e concelleiros que comparten delegacións de competencias, e polo tanto, de aqueles que fechan o ollos e miran cara outro lado como se non fose con eles a cousa. "Quen comparte goberno con Jácome e ampara co seu silencio as súas accións é tan culpable coma el".
Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicitará do pleno da corporación a adoción dos seguintes acordos:
1. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense ao mantemento da programación expositiva do Museo Municipal na súa sede actual sita na rúa Lepanto número 6.
2. Instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a manter e ampliar a oferta expositiva da Sala Valente.
3. Instar ao Goberno Local a iniciar os trámites precisos para a adquisición do inmoble situado ao carón do Museo Municipal na rúa Lepanto e coñecido popularmente como Casa das Cadeas.