No Concello de Ourense, o galego segue relegado a un segundo plano
O compromiso coa lingua deberíamolo ter a diario os galegos e galegas, máis tamén as administracións públicas que deberían enarbolar a bandeira da súa promoción cumprindo, alomenos, coa lexislación vixente. E nesta semana, na que conmemoramos o Día das Letras Galegas, o grupo municipal do BNG quer denunciar o incumprimento da normativa por parte do goberno municipal de Ourense.
En decembro do pasado ano, a instancias do Bloque, aprobóuse a sinatura dun Pacto pola Lingua que tería como obxectivo reunir, baixo o compromiso de defensa e promoción do galego, ás forzas políticas, sindicais, organizacións empresariais, colexios profesionais, sistema de ensino e cantas institucións ou persoas quixeran sumarse. A día de hoxe o equipo de goberno non promoveu tal pacto.
Tamén se acordara naquela data, a aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, que non se está a cumprir a pesar de que o PSOE engadira unha emenda garantindo a aplicación da ordenanza municipal a este respecto e comprometéndose a potenciar o uso do idioma galego na administración local.
Nada mudou, os membros do goberno non empregan sempre o galego no exercicio das súas funcións, nin sequera utilizan a toponimia oficial en todos os casos; @s empregad@s municipais, que teñen a obriga de dirixirse aos administrados en galego segundo a ordenanza, seguen a empregar, maioritariamente, o español, as empresas concesionarias e adxudicatarias de servizos tampouco cumpren coa ordenanza así como tampouco se fai coa totalidade da documentación interna e externa e na web do concello
A concelleira, Susana García, quer denunciar estes feitos e lembrarlles aos membros do grupo de goberno que cumpran os acordos.
Apunta tamén a concelleira nacionalista que o compromiso do goberno é só pantalla pois alén de non facer cumprir as normas vixentes reducen a partida orzamentaria para normalización lingüística no ano 2013.
Como é cos feitos como se demostra o verdadeiro compromiso, o BNG convida ao goberno socialista a participar na manifestación que a Plataforma Queremos Galego convoca o venres 17 de maio en Compostela co lema Non queremos ser estranxeiras na propia Patria. Tampouco nós queremos sentirnos estranxeiras na cidade de Ourense.