Noa Presas aposta por reforzar a atención primaria e a atención especializada de cara ao 12X
- Noa Presas e Luis Seara manteñen un encontro con AFAOR para escoitar as demandas do colectivo
- A formación nacionalista reforza o seu programa social tras o brote da pandemia e pulará por corrixir as deficiencias na lei de dependencia
O BNG ven de reunirse coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) para recoller as demandas e necesidades das familias e doentes de alzhéimer. A candidata ao Parlamento do BNG, Noa Presas, comprometeuse a apostar polo reforzo da atención primaria e da atención especializada para dar saída ás citas canceladas e pospostas pola crise sanitaria.
A formación nacionalista reuniuse por videoconferencia con representantes de AFAOR para coñecer de primeira man as necesidades e demandas do colectivo. A candidata ao Parlamento, Noa Presas, e o voceiro municipal de Ourense, Luis Seara, escoitaron con preocupación como lles afectou a crise da COVID-19 ás familias e doentes, así como as perspectivas e necesidades diante da demora na apertura dos Centros de día.
Desde a asociación fixeron fincapé na necesidade de protocolos claros e a prevención diante dun colectivo moi sensíbel: “hai estudos que alertan da súa alta afectación nesta crise”. Asemade, AFAOR remarcou que unha das principais dificultades é a de ter espazos.
A organización nacionalista comprometeuse a apostar polo reforzo da atención primaria e da atención especializada para dar saída ás citas canceladas e pospostas durante a crise sanitaria. Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense manifestou a súa preocupación polos posíbeis atrasos no diagnóstico e polo demora no inicio dos tratamentos terapéuticos “que se poden estar ocasionando nestes momentos”.
Así mesmo, Presas destacou en que “é fundamental apostar por incrementar os fondos públicos para a atención social e corrixir as deficiencias da aplicación da lei de dependencia” pois seguen manténdose atrasos para “valoración de discapacidade que en algúns casos chega aos dous anos”. Engadiu que hai centos de persoas en lista de espera situando a Galiza por debaixo da media estatal “de persoas beneficiarias por cada cen habitantes”.
A forza do BNG en materia social noutras institucións
A formación nacionalista lembrou que xa ten trasladado no Congreso das e dos deputados a demanda de adoptar as medidas oportunas para atender as peticións das asociación de enfermos de Esclerose Múltiple, Parkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas referentes á creación dun novo tipo de discapacidade. Asemade, este novo tipo estaría baseado nas reivindicacións do colectivo e nunha tipoloxía propia destas doenzas co recoñecemento do 33% no momento do diagnóstico.
“Un BNG forte o vindeiro 12X significa menos Partido Popular na Xunta de Galiza” sinalou a candidata por Ourense do BNG. Afirmou que as enquisas son tendencias e afirmou que “se o BNG ten un peso forte e potente, poderase dar un cambio de verdade. Un cambio galego”.