O Partido Popular segue a obstaculizar a chegada do AVE a Ourense
Ourense, 24 de maio de 2012. Esta mañá, a deputada do Parlamento Galego, Tereixa Paz, denunciou a nova manobra dilatoria que o Partido Popular vén de argallar para dilatar a chegada do AVE a Ourense.
Tereixa Paz explicou, en rolda de impresa, que o PP presentou unha Proposición Non de Lei na que pedía por unha banda, a constitución dunha sociedade de integración do ferrocarril de Alta Velocidade co obxectivo de xestionar o desenvolvemento urbanístico da zona e por outra, o soterramento de todo o espazo ferroviario que comprende a actual estación de Ourense- Empalme.
Porén, días máis tarde, o PP presenta unha corrección de erros á citada Proposición na que dí que se sustitúa soterramento por estudo do soterramento.
Segundo a deputada Tereixa Paz, é inadmisíbel que nestes intres se sigan facendo estudos que non son máis que unha excusa para dilatar a chegada da Alta Velocidade a Ourense.
Neste contexto, o Grupo Parlamentar do BNG rexistrou unha emenda a esta Proposición na que se exixe que non se produzan novos retrasos e se asegure a execución orzamentaria
das partidas que aparecen nos Orzamentos do Estado , que se garanta a variante externa, evitando o tramo urbano por San Francisco, que a estación sexa intermodal e que non haxa
fractura entre os barrios da Ponte e o Vinteún.
Pola súa banda, Isabel Pérez, manifestou que nesta situación tanto a cidade como a provincia saen perdendo. Apuntou a tenente de alcalde de Ourense que o AVE foi sempre un elemento de disputa entre o Partido Popular e o Partido Socialista que o utilizan de forma perversa según conveña aos seus intereses.
É curioso, di Isabel Pérez, que o PP solicite agora a creación dunha sociedade de integración do AVE cando en tempos do goberno de Zapatero non quixo formar parte dela.
Por último, a voceira do BNG reafirmou que a postura dos nacionalistas sempre foi a mesma,é dicir, que Ourense sexa unha estación intermodal , que se a mellor opción é o soterramento que se faga sempre e cando esto non supoña un novo retraso, que se manteña o trazado alternativo e que non haxa máis retrasos na chegada dunha infraestrutura vital para o desenvolvemento socioeconómico de Ourense.