O Plan Termal da Xunta privatiza os recursos termais da cidade

O Plan Termal da Xunta privatiza os recursos termais da cidade

Representantes do BNG en varias institucións compareceron hoxe para denunciar a opacidade do Plan Termal da Xunta que hai uns días se presentou en Ourense.

O portavoz no Concello de Ourense, Xosé Somoza apuntou que Feijóo vendeu un plan de 166 millóns de euros para desenvolver en 5 anos. Deste orzamento a Xunta poría 20 millóns e o Concello de Ourense 8millóns, porén, os proxectos que aparecen ascenden a 109 millóns de euros. Falamos do que se denomina como Auga Auria que no é outra cousa que o Gran Hotel Balneario cifrado en 37,5 millóns de euros. Para o BNG esta actuación é unha privatización en toda regra das augas de As Burgas.

IMG_2832

Asemade dentro dos proxectos tamén aparecen dúas infraestruturas cun custe de 72 millóns de euros, a saber, o Centro de Congresos e Wellness e o Thermal Health Center. Por ningures aparece o espazo onde se construirían.

Á vista destes datos, ás-ós nacionalistas xúrdelle unha dúbida que é si estas actuacións foron consensuadas co equipo de goberno de Ourense. En caso afirmativo o PSOE tamén sería responsábel de entregar á inciativa privada os recursos termais da cidade.

Porén, tamén cabe a posibilidade de que o Plan Termal sexa fume dado que para o ano 2015, nos orzamentos da Xunta, non hai nin un só euro consignado para termalismo (no Plan aparecen 3,5 millóns de euros para investir no 2015). Así o manifestaba a deputada Tereixa Paz quen denunciaba o descaro do presidente da Xunta que viña a Ourense a vender un Plan Termal que non tiña soporte orzamentario.

A deputada autonómica facía mención ás emendas presentadas polo BNG aos orzamentos da Xunta para incluír partidas específicas destinadas ao desenvolvemento termal e volvía, máis unha vez, a recriminarlle ao goberno galego regalarlle a Paradores o Castelo de Monterrie, que tamén aparece no Plan Termal cun investimento de 3,2 millóns de euros.

Mañá mesmo xa saberemos cal é o posicionamento dos grupos dado que se debaterá unha moción na Deputación na que se pide que se reformule o plan termal e se consensúe a participación directa do Concello de Ourense na súa condición de Capital Termal de Galiza. Asemade, como explicaba o deputado Xaime Iglesias tamén se pide elaborar unha relación de proxectos prioritarios e dos que se garanta a súa viabilidade.

Por último apuntar que Núñez Feijóo, na presentación do Plan Termal, referíuse a Ourense para falar do Edificio do Campus da Auga, infraestrutura que curiosamente non aparece recollída no documento do Plan Termal.

O Plan Termal da Xunta privatiza os recursos termais da cidade