Presas solicítalle á Xunta que se responsabilice da súa política nefasta no Plan de Transporte por estrada

- O BNG denuncia a situación caótica e de desinformación que sufren as usuarias dos autobuses na provincia de Ourense

- A deputada do BNG critica a situación pola que atravesan estudantes de Xunzo ou Allariz e que estudan na cidade de Ourense

Presas solicítalle á Xunta que se responsabilice da súa política nefasta no Plan de Transporte por estrada

A deputada do BNG, Noa Presas, anunciou que levará ao Parlamento de Galiza "a chapuza" do Plan de Transporte da Xunta do Partido Popular. Cualificou este plan como un "proceso viciado" que se demostrou en tan só quince días de aplicación onde "vimos desorganización e un empeoramento no servizo que se está a dar en Ourense". Pedirá que a Xunta asuma a súa responsabilidade e asuma a compensación de prezos así como a gratuidade para os menores de 21 anos e máis información para as usuarias do transporte.

Co comezo do 2020, A Xunta de Galiza puña en funcionamento o seu Plan de Transporte. Para a formación nacionalista, xa en 2017 co desenvolvemento do Plan, xa cualificaron este proceso como un "absoluto fiasco e viciado" xa que entendían que había unha falta de estudo sobre a realidade así como unha falta de diálogo co resto de axentes e a falta de transparencia e irregularidades. "Tiveron dous anos para facer as cousas ben e decidiron facelas mal despois, tamén, do atraso para implantar esta fase do Plan con seis meses de prórroga e non os aproveitaron" engadíu Presas, deputada do BNG.

"A provincia de Ourense ten numerosas necesidades en canto ao transporte e á vertebración do noso territorio, con especial énfase no rural" destacou Presas na súa intervención apuntando tamén os problemas de conexión ferroviaria do interior. "As persoas que viven fóra da cidade de Ourense teñen que verse obrigadas a empregar, en moitas ocasións, o seu vehículo particular, o que supón un custo económico, medioambiental" sinalou a deputada do BNG. Asemade, recalcou a descoordinación entre a Xunta de Galiza con sede en Ourense e a súa comunicación con San Caetano, en Santiago, posto que "en quince días da implantación hai eivas que aínda non están arranxadas" e continúan á espera de autorizacións "duns e doutros" para axustar as liñas de transporte.

Por outra banda, a deputada do BNG tamén criticou o posíbel desmantelamento do servizo público de transporte da Xunta de Galiza: "hai liñas que teñen que pasar por lugares nos que non hai paradas e polo tanto can baleiras, así como poboacións sen un servizo adecuado que era o que este Plan de Transporte debía evitar".

Dende o BNG, segundo sinalou Noa Presas, levarán este tema ao Parlamento de Galiza onde solicitarán que a Xunta se sente a falar cos concellos e coas empresas adxudicatarias para resolver estes problemas. Asemade, Presas pedirá que a Xunta asuma "a súa responsabilidade na política de prezos xa que o prezo sube pola chapuza que fixo o PP e terá que asumir a Xunta esta compensación de prezos necesaria para que se rebaixen de inmediato". Segundo exemplificou a deputada do BNG, a liña Viana do Bolo - Verín triplicou o seu prezo custando máis de 4€. Incremento moi grande tamén a tarifa de 4,55€ a 6 € que conecta Verín con Ourense. "Xinzo- Ourense pasou de custar 2,35€ a 3,50€. É mentira que as tarifas, tal e como prometera o PP iban ser homoxéneas, están incumprindo un dos obxectivos do Plan de Transporte" engadíu Presas.

Asemade, solicitarán que haxa información "como mínimo" nas paradas centrais das vilas e localidades sobre a frecuencia, o horario, o prezo, os dereitos e obrigas das usuarias, etc. Así como que toda a información se poida visualizar a través da páxina web. "É inaudito que non haxa, cando menos un soporte dixital. Sabemos que co PP temos un transporte do medievo pero estamos en 2020" apuntou Presas. A deputada finalizou a súa intervención sinalando ao Partido Popular de "facer electoralismo barato" coa gratituidade do transporte para menores de 21 anos. "Este un de xaneiro comezou no Transporte Metropolitano que Ourense non ten. A Xunta improvisa e di que estará nos próximos meses pero a gratuidade para as mozas e mozos menores de 21 anos ten que establecerse dende xa. Hai moitas mozas que veñen dende Xinzo e Allariz a estudar e traballar á cidade" resaltou Presas.

"Caos" no transporte escolar

Presas lembrou a descoordinación da Consellería de Mobilidade e Infraestruturas coa Conselleria Educación da semana pasada: "tardaron unha semana en resolver todas as eivas que tivo a implantación do novo Plan de Transporte Escolar. Unha semana en fixar horarios de recollida das crianzas, con falta de persoal acompañante nos autobuses e o acinamento dos e das nenas neste transporte. Son situación graves e pediremos explicacións no Parlamento".

 

Defensa de Ourense no Congreso dos Deputados

 

O BNG, aínda que non sacou representación pola circunscripción de Ourense, asumíu como reto, e tras o acordo de investidura, a modernización de toda a vía ferroviaria. Asemade, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, adiantou que este acordo é puntual e non vai ser un apoio durante toda a lexislatura nas propostas que o PSOE faga na sede do Congreso. "O noso deputado virá a Ourense, nun acto publico para explicar o acordo e os logros que conseguimos para a provincia" destacou.

Presas solicítalle á Xunta que se responsabilice da súa política nefasta no Plan de Transporte por estrada