Reclamamos o apoio á venda de proximidade nas prazas de abastos de Ourense
O Decreto 125/2014 da Xunta supón unha clara ameaza para a continuidade da venda do rianxo
O pasado 20 de outubro entrou en vigor o Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que lle vendan directamente ao consumo final, tal e como acontece coa venda do rianxo na Praza de Abastos de Ourense.
Este decreto, sen outras medidas que acompañen o desenvolvemento da venda de proximidade non vai ter o efecto dinamizador que para o PP xustifica a súa promulgación. De feito, é evidente que non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade. O BNG considera imprescindíbel desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos na contorna da cidade, mercados de sementes, degustacións, etc.), como acontece no desenvolvemento do proxecto Come Ourense.
A aplicación do Decreto 125/2014 supón una clara ameaza para a venda do rianxo, como o grupo municipal do BNG puido comprobar falando coas persoas que na Praza desenvolven esta actividade. O decreto establece a obrigatoriedade de rexistrarse no REAGA como autónomo e o certo é que a maioría das persoas que venden o rianxo son homes e mulleres xubilados ou con pensións mínimas que, ofrecendo os produtos das súas hortas, acadan un pequeno complemento de rendas para subsistir, sendo inviábel para elas darse de alta nese rexistro. O BNG considera que esta situación poderíase resolver cunhas cotas a seguridade social e unha fiscalidade reducida, en relación co escaso movemento económico que producen as vendas do rianxo, e tamen simplificando os complicados trámites que precisa darse de alta nese rexistro.
Outras cuestións que establece o Decreto 125/2014 poden verse como unha oportunidade para valorizar a produción local se o Concello impulsa xunto cos comerciantes das prazas de abastos unha marca, unha etiqueta específica para os produtos da nosa contorna e lles ofrece esta posibilidade ás persoas que se dedican á venda do rianxo. Unha vez máis, o proxecto Come Ourense podería ter unha implicación directa neste senso, con guías de boas prácticas que axuden a conseguir unha produción de maior calidade.
A moción que presentará a debate o BNG no próximo pleno solicita o apoio das outras forzas políticas para acordar tres puntos concretos: Primeiro, instar ao goberno galego a facilitar o rexistro no REAGA das persoas pequenas produtoras que venden alimentos nas prazas de abastos e nos mercados periódicos (feiras) directamente ao consumidor, nun epígrafe específico adaptado ás tradicionais características da venda de rianxo. Segundo, instar ao Goberno do Estado a regular un tipo específico e reducido de cotas á Seguridade Social e de fiscalidade para as persoas pequenas produtoras que venden alimentos nas prazas de abastos e nos mercados periódicos (feiras). E, finalmente, promover desde o Concello, en diálogo co sector, a creación dunha marca específica que valorice a produción de alimentos frescos locais, seguindo as bases do proxecto Come Ourense.