Os recortes do PP deixan desasistida á poboación infantil de Ourense
O progresivo deterioro asistencial que se está producindo nos últimos anos na sanidade galega chega xa a situacións dramáticas no departamento de pediatría no Complexo Hospitalario de Ourense. Nos últimos meses reducíuse a plantilla de cirurxáns infantís quedando tan só dous en activo o que fai inviábel atender á poboación infantil da cidade e da súa área de influencia polo que as nenas e nenos son derivadas-os a Vigo.
Na vez de contratar persoal, a solución que oferta a xerente do CHUOU, Eloína Núñez, é trasladar as urxencias pediátricas que se producen fóra do horario matinal a Vigo, ben a centros públicos ou privados co conseguinte transtorno que isto causa ás familias, como explicaba esta mañá o portavoz do BNG, Xosé Somoza, quen anunciou a presentación dunha moción para que o Concello de Ourense inste á Xunta de Galiza a contratar persoal facultativo para que todas as nenas e nenos ourensáns poidan ser atendidos no CHUOU.
Ante esta agresión gravísima á atención sanitaria e o deterioro premeditado asistencial, o BNG tamén rexistrou no Parlamento unha proposición non de lei para que se revogue a decisión de unificación do servizo de cirurxía pediátrica da área sanitaria de Ourense e de Vigo e se contraten médicos para poder atender o servizo ás 24 horas do día os 365 días do ano.
Transtornos para as familias
Como explicaba a deputada Tereixa Paz, a reducción de persoal neste departamento ten provocado as denuncias de moitas familias que xa están sendo derivadas a outras cidades para pequenas operacións cos conseguintes transtornos que causan estes traslados, tanto a nível laboral como económico.
Así, fronte a eficiencia da que presume o PP, un problema que se resolvería contratando a dous profesionais a sr. Núñez soluciónao derivando pacientes a Vigo, engrosando o negocio dos centros privados, aumentando as listas de espera, deteriorando a calidade asistencial e pondo en perigo as nenas e nenos que no canto de ser atendidas-os de xeito urxente son trasladados a outros centros.
Segundo os datos do departamento de pediatría, hai unha media de 15 traslados mensuais o que non xustifica a optimización de recursos dado que os-as pacientes deben ser trasladados nunha ambulancia medicalizada, enfermeira e médico o que supón un custe superior á contratación de dous especialistas.
Por outra banda, quenes tamén se ven afectadas-os por estes recortes son as-os médicas-os residentes que verán reducidadas as horas de formación e tamén se terán que desprazar a outros hospitais para poder facer as súas prácticas.