Seguridade e sanidade, a pleno da man do BNG
Na formación nacionalista entenden moi necesario que o Concello de Ourense, terceiro concello máis grande e importante do país, conte cun Plan de Emerxencias Municipal que permita en caso de catástrofe ou emerxencia, dotar dunha guía de actuación tanto aos medios intervintes como á propia poboación no seu conxunto
En sanidade, solicitarán apoio do resto da Corporación para esixir á Xunta de Galiza que adopte todas as medidas necesarias para corrixir a situación límite na que se atopa actualmente o persoal do Complexo Hospitalario
Ourense, 02 de xuño de 2022. Seguridade e sanidade, estas son as materias abordadas polo Grupo Municipal do BNG nas mocións rexistradas para ser debatidas e de ser o caso, aprobadas no pleno que o Concello de Ourense celebrará mañá venres día tres de xuño.
As emerxencias e sobor de todo, a súa xestión, constitúense como unha das principais competencias de calquera administración pública pois todas elas, sexa no ámbito estatal, autonómico ou local, teñen responsabilidades na materia. Así comezan os nacionalistas a exposición de motivos da súa moción.
O Plan de Emerxencias Municipal, constitúese como un documento eminentemente técnico e a traves do cal, se establecen os procedementos, normas, protocolos de actuación e mesmo os sistemas de resposta da administración local diante de calquera tipo de emerxencia que teña lugar dentro do ámbito territorial do concello en cuestión.
Como ben lembran no BNG, en Ourense temos o encoro de Velle, que aínda que pola súa capacidade pode non supor un risco elevado en caso de rotura, sí padeceríamos as consecuencias dunha incidencia similar no encoro situado río arriba, concretamente en Belesar. Os lumes forestais que, por desgraza, afectan cada ano ao perímetro rural do concello, son outro dos elementos a ter moi en conta así como que boa parte do municipio estea atravesado por liñas ferroviarias de alta capacidade e electrificadas o que, evidentemente, supón un risco para o cal cómpre estar preparados ante calquera incidencia.
Igualmente, faise necesario previr situacións de risco como as vividas recentemente durante a celebración das festas no barrio do Couto ou en futuras ocasións coa celebración de eventos de calquera índole e que supoñan a congregación de milleiros de persoas. Todos eles entenden no BNG que son argumentos suficientes como para pórse a traballar e aprobar canto antes un Plan de Emerxencias Municipal.
En definitiva, nas emerxencias a improvisación non é nin debe ser unha opción. Cómpre ter medios materiais suficientes para poder actuar. Persoal suficiente e altamente formado para saber intervir, comunicación e interacción continua entre os diferentes corpos e equipos mais tamén ter definido un Plan ao que poder acudir en caso de emerxencia e no que queden claramente especificados os pasos a dar no caso de producírense. Para iso serve o Plan de Emerxencias Municipal e por iso cómpre, a ollos do BNG, que o Concello de Ourense dispoña dun á maior brevidade posible.
Situación límite no CHUO.
No relativo á sanidade e tal e como afirma o BNG na súa moción, a pandemia vai quedando atrás e o sistema sanitario que xa anteriormente se atopaba nunha situación límite, estase revelando insostíbel. Faino ademais nun contexto no que desde o Goberno galego non soamente non se atenden as demandas do sector ou mesmo da veciñanza senón que, tal e como afirman na moción, "néganse realidades como poden ser as ringleiras de doentes agardando nos corredores de Urxencias".
Por este motivo, desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, solicitarán apoio ao resto da Corporación para demandar da Xunta de Galiza medidas encamiñadas a acadar, á maior brevidade posíbel, os reforzos de persoal necesarios para dar cobertura á atención de urxencias e hospitalaria así como a adoptar aquelas medidas conducentes a evitar o deterioro da atención sanitaria, a sobrecarga do seu persoal e o enquistamento dos conflitos laborais e organizativos.
No BNG lembran que a situación é tan extrema que o pasado 25 de marzo a Comisión de Centro do Complexo Hospitalario de Ourense presentaba no Rexistro da Xunta unha convocatoria de folga pola incapacidade negociadora da Xerencia de Área, a falta de transparencia na información proporcionada así como o enquistamento de conflitos laborais con servizos sen visos de ser abordados por parte da Xunta de Galiza, como é o caso de medicina interna ou urxencias.
Segundo os nacionalistas, a Xunta gábase continuamente dos investimentos que no ámbito sanitario ten realizado nos últimos anos e concretamente ao que a reforma e ampliación do CHUO se refire, que ao entender do BNG, "non son máis que parches para evitar o realmente necesario e que sí se acometeu noutras cidades do país, a construción dun novo Complexo Hospitalario nunha nova ubicación que permita unha maior accesibilidade".
Conclúen os nacionalistas en que estamos ante "grandes investimentos en edificios aos que despois non se dota do persoal e dos medios suficientes para garantir unha boa atención aos doentes".