BNG-Asembleas Abertas instala oficina electoral a pé de rúa
Candidatas e candidatos do BNG-Asembleas Abertas instalaban hoxe na rúa do Paseo a oficina electoral dende a que traballarán a partir de agora para seguir mantendo o contacto coas veciñas e veciños de Ourense.
En contraposición ao que están facendo os candidatos do PP e do PSOE coa inauguración de oficinas no centro da cidade, a cabeza de lista, Susana García, facía fincapé no xeito de traballo colectivo que sempre caracterizou as-os nacionalistas. O que facemos hoxe, ter unha oficina na rúa que non supón para a organización ningún gasto, é posíbel grazas ao traballo das-os militantes e simpatizantes que con esforzo e adicación fan que o BNG-Asembleas Abertas faga a campaña con recursos propios.
O BNG-Asembleas Abertas non pedirá nin un só euro aos bancos, nin fará mailing masivo, será unha campaña a pé de rúa -como a oficina que acabamos de instalar- na que traballaremos porta a porta.
Susana García lembrou que o BNG-Asembleas Abertas segue recollendo propostas cidadáns para o programa.