O BNG pide que a Igrexa pague o IBI

O BNG pide que a Igrexa pague o IBI

O BNG REXISTRA NO CONCELLO UNHA MOCIÓN RELATIVA Á REVISIÓN DO ACORDO DE EXENCIÓN DO PAGAMENTO DO IMPOSTO SOBRE BENS INMÓBEIS (IBI) POR PARTE DA IGREXA CATÓLICA, OU COMPENSACIÓN EN TANTO NON SE PRODUCIR A REVISIÓN

Ourense, 10 de xullo de 2012.- O BNG vén de rexistar no Concello unha moción relativa á revisión do acordo de exención do pagamento do Imposto sobre Bens Inmóbeis, IBI, por parte da Igrexa Católica, moción que será debatida no Pleno do mes de agosto.

A portavoz municipal do BNG Isabel Pérez manifestou que “Na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, e que debe cumprir coas súas obrigas tributarias, resulta incomprensíbel que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio”.

Nun informe de 2010, a Dirección Xeral do Catastro, daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa Católica en Galicia: 7.691 inmóbeis e un valor catastral de 42 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais. Asemade, Isabel Pérez, manifestou que “É necesario repartir con xustiza os custos e esforzos da crise, tamén no ámbito fiscal. Neste sentido, o BNG ten demandado en numerosas ocasións a necesidade de acometer unha reforma fiscal que acentúe o carácter progresivo do sistema, de xeito que se incremente a equidade do mesmo, ao tempo que permita incrementar os ingresos públicos, gravando con maior progresividade as rendas de capital ou os grandes beneficios empresariais, así como a creación dun imposto sobre as grandes fortunas”.

O BNG ven reclamando dende hai tempo a revisión dos Acordos coa Santa Sede, como, nomeadamente a supresión da exención pago do IBI por parte da Igrexa. Son numerosas as iniciativas que ten levado o BNG neste sentido. No Congreso dos Deputados e agora no Concello de Ourense.

Na moción o Grupo Municipal do BNG solicita a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica no Estado e nomeadamente permita a suxeición ao IBI do seu patrimonio, e que mentras non se leve a cabo a revisión dos acordos, a Igrexa Católica contemple unha compensación aos concellos galegos por estar exenta do pago do IBI.

[ Descargar ]

Moción para reclamar o pagamento de IBI por parte da Igrexa Católica

O BNG pide que a Igrexa pague o IBI