Unha ollada nostálxica do ensino en Ourense
A Concellaría de Cultura colabora de novo co Arquivo Visual Ourensán na posta en marcha dunha exposición fotográfica sobre a historia da educación e os centros de ensino da cidade desde o século XIX até os nosos días. Unha ampla colección de imaxes cedida por algunhas das principais entidades educativas da cidade compoñen esta mostra que se completa coa recreación dun aula da época cos seus pupitres (procedentes do Seminario) e encerado. Naqueles Vellos Pupitres está instalada desde hoxe no Museo Municipal (R/Lepanto, 8) e poderá visitarse até o vindeiro 4 de marzo.
A Tenente Alcalde e Concelleira de Cultura, Isabel Pérez, foi a encargada de presentar a nova colección encompaña do presidente do Arquivo Visual Ourensán, Rafael Salgado. A dirixente nacionalista declarou sentirse encantada de volver ás aulas, trasladadas agora a este museo de todos os ourensáns e fixo fincapé no importante que para Ourense é estar orgullosos do que somos e fumos, facer memoria e afondar na nosa identidade e autoestima, tan necesaria para facer cidade. Neste senso, agradeceu ao responsábel do Avo todo o traballo realizado a favor da nosa memoria e nosa historia.
Pola súa banda, o presidente do Avo, Rafael Salgado, destacou a importancia da exposición para visibilizar que aínda queda moito traballo por facer no Arquivo, documentando os diferentes eidos da nosa historia. Respecto da exposición inaugurada hoxe, Salgado agradeceu expresamente a colaboración dos diferentes centros de ensino que cederon imaxes e de xeito especial ao IES Otero Pedrayo por tres auténticas xoais que son os lenzos de Xesús Soria. Naqueles vellos pupitres convida ao público a identificar os diferentes persoaxes históricos que aparecen retratados nas instantáneas, asi como a repasar as orlas das diferentes promocións nas que mesmo poderá identificarse alguén.
O Arquivo Visual Ourensán conta a día de hoxe con preto de 40.000 imaxes que van crecendo día a día e con pezas que se remontan aos primeiros pasos da fotografía, a finais do século XIX (1886). Nas webs www.ourensenotempo.blogspot.com e www.canedo.eu pódese afondar máis no traballo do Arquivo Visual Ourensán.
Ourense, 9 de febreiro de 2011