Moción para aprobar un compromiso de contratación coas empresas locais

Moción para aprobar un compromiso de contratación coas empresas locais

A crise económica provocada polo sistema capitalista e a solución neoliberal do recorte sen fin do sector público, terminarán por aniquilar os sistemas produtivos locais nos ámbitos periféricos aos grandes centros de decisión, se non hai unha aposta decidida por inverter as tendencias. Esta afirmación é válida independentemente da escala de análise que empreguemos, aínda que pola gravidade do proceso debamos resaltar o desmantelamento actual da economía galega ou a parálise económica que sofre hoxe en día a provincia de Ourense.

Nesta loita para superar a crise modificando o modelo sistémico actual o Concello de Ourense pode e debe erixirse en modelo e motor de cambio. A presente moción pretende dar un paso máis nese camiño, apostando pola economía local, ética e responsable.

Existen noutras cidades do país e do Estado diferentes modelos de cartas locais ou compromisos que inciden na aposta pola contratación de empresas locais nestes momentos de dificultades económicas. Non se trata, en ningún caso, de vulnerar a Lei de contratos do sector público, senón de asinar un compromiso de contratación que non lles impida ás empresas locais presentarse aos concursos públicos abertos desde o Concello, favorecendo a participación das PEMEs ourensás.

Este compromiso de contratación pública local, ética e responsable introducirá unha nova normativa para aumentar á transparencia da xestión administrativa dos contratos, co obxectivo de favorecer o traslado de información desde a Administración local ás empresas e á cidadanía.

Por último, pero non menos importante, o compromiso de contratación pública local, ética e responsable introducirá unha serie de criterios sociais, ambientais, éticos, laborais e de igualdade para primar a aquelas empresas con responsabilidade social corporativa.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

- Asinar un compromiso de contratación pública local, ética e responsable que favoreza a participación das empresas ourensás en todos os concursos públicos do Concello de Ourense, con medidas como o fraccionamento en lotes dos contratos cando sexa posible, a admisión da acreditación de solvencia a través de medios externos, a eliminación das garantías provisionais ou o compromiso de selección de empresas locais para os contratos menores.

- O compromiso de contratación pública local, ética e responsable favorecerá a transparencia dos procesos de contratación pública coa obriga de publicar todos os pasos administrativos dos diferentes expedientes mediante o perfil do contratante da web municipal.

- Este compromiso de contratación pública local, ética e responsable, sen menoscabo dos principios de eficacia e eficiencia que rexen o gasto público, dará preferencia na adxudicación cando exista igualdade entre as ofertas a aquelas empresas que aposten por un compromiso ético e unha transformación económica máis solidaria.

- O compromiso de contratación pública local, ética e responsable favorecerá a contratación de empresas locais que presenten beneficios adicionais, introducindo nos pregos cláusulas sociais e ambientais, relativas ao fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a sustentabilidade ambiental ou o emprego entre parados de longa duración, mocidade, persoas discapacitadas ou en risco de exclusión.

- O compromiso de contratación pública local, ética e responsable incluirá indicadores de proceso para a revisión e avaliación do seu cumprimento.

Moción para aprobar un compromiso de contratación coas empresas locais