Moción para a declaración de "persoa non grata" a deputad@s que aprobaron a quita das preferentes

Moción para a declaración de "persoa non grata" a deputad@s que aprobaron a quita das preferentes

Texto íntegro da moción:

O Goberno de Rajoy caracterizouse por desenvolver unhas estritas políticas para beneficiar a banca en detrimento das persoas afectadas pola estafa das preferentes e subordinadas, que contou co indubidábel apoio de deputadas e deputados galegos do PP que permitiron a quita e o canxe por accións. É o resultado dun modelo de banca especulativa e espoliadora e dun Goberno do PP que se converteu no brazo executor dos ditados desa banca.

Estas medidas supoñen un durísimo golpe a milleiros de familias que asisten á legalización do roubo dos seus aforros perpetrado coa connivencia do Goberno do PP, no canto de contribuír a facilitarlles a devolución íntegra do diñeiro depositado como lle correspondería xestionar e defender a quen representa a cidadanía.

Neste sentido, son moi graves os prexuízos que as políticas de Rajoy e das deputadas galegas e galegos no Congreso lle causan a Galiza e, en concreto, a Ourense. O PP pasou de ser cómplice da banca especuladora a culpábel do espolio do aforro dos galegos e das galegas, pois vén de legalizar o roubo de persoas que foron vítimas dunha estratexia agresiva dos directivos das entidades para capitalizarse que colocaron produtos financeiros tóxicos con fraude, ocultación de información e abuso de confianza.

O PP rexeitou retirar o Real Decreto 6/2013, de 22 de marzo, de protección a titulares de determinados produtos de aforro e investimento de carácter financeiro que autoriza as quitas e canxes en vez de adoptar medidas ao servizo do pobo, como demanda o BNG para recuperar o 100% do diñeiro depositado en preferentes e subordinadas, toda vez que se recoñeceu e se demostrou a falta de transparencia e a toxicidade destes produtos financeiros de alto risco.

Foron estas deputadas e deputados galegos quen legalizaron esta estafa para a captación de fondos de milleiros de familias que tiñan depositados os seus pequenos aforros nas entidades bancarias: Antonio Eiras, Antonio Pérez, Tristana Moraleja, Juan de Dios, Joaquín García, Jaime de Olano, Marta González Vázquez, Olga Iglesias, Ana Pastor, Irene Garrido, Paz Lago e Telmo Martín. Os deputados ourensanos Guillermo Collarte, Celso Delgado e Ana Belén Vázquez tamén votaron a favor desta medida.

Mentres en Ourense as representantes do Partido Popular apoiaron, tanto na Deputación como no Concello, que as aforradoras recuperaran o 100% dos seus aforros e posicionáronse contra a quita a través das mocións presentadas polo BNG en ambas institucións, a súa posición foi diferente na Xunta de Galiza e no parlamento do Estado votando a favor da legalización do roubo das aforradoas.

Serán, pois, máis de 600 millóns de euros de aforros galegos que emigrarán fóra do noso país en canto se consume este roubo individual ás persoas directamente afectadas e a Galiza no seu conxunto.

Esta é unha realidade que, por desgraza, coñecen moi ben centos de familias de Ourense que levan ano e medio de loita e outras moitas que aínda veñen de saber que están afectadas por esta fraude cando se lles comunicou nas últimas dúas semanas a aprobación da quita autorizada polo Goberno do PP.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Rexeitar as políticas do Goberno do Estado contrarias aos intereses de milleiros de familias afectadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas que ven como o PP legaliza o roubo dos seus aforros a través da imposición dunha quita e do canxe por accións de nula solvencia.

2. Declarar persoa non grata en Ourense aos deputados ourensanos no Congreso Guillermo Collarte, Celso Delgado e Ana Belén Vázquez, e aos outros 12 deputados/as do PP de Galiza polas graves consecuencias que o seu apoio incondicional á aprobación de normas que lle legalizan as quitas ás persoas titulares de participacións preferentes e débeda subordinada lle causan a milleiros de pequenos aforradores e inversores desta cidade.

Ourense, 22 de abril de 2013

Moción para a declaración de "persoa non grata" a deputad@s que aprobaron a quita das preferentes