MOCIÓN SOBRE A EXPLOTACIÓN PUBLICITARIA DO MOBILIARIO URBANO

MOCIÓN SOBRE A EXPLOTACIÓN PUBLICITARIA DO MOBILIARIO URBANO

O goberno do PSOE convocou un concurso público para a adxudicación do contrato de mantemento e explotación publicitaria de marquesiñas, reloxo-termómetro e mupis no Concello de Ourense.

A previsión que fai o servizo de contratación do Concello sobre o valor estimado do contrato é de 40.986,00€ para unha duración de 4 anos fixando un cánon mínimo a ofrecer polos licitadores de 6.831,00€/ano + IVE. Fíxase por tanto un mínimo de case 7.000€ pola xestión publicitaria de máis de 110 espazos da cidade ao ano que apenas daría rendimento económico ao Concello de Ourense e que beneficiaría, case en exclusiva, á empresa adxudicataria do concurso.

Coa xestión directa destes espazos o Concello de Ourense pode aforrar ao ano na publicidade que inserta nos meios de comunicación máis que o valor estimado do contrato que se propón. Diminuíndo por un lado as partidas en publicidade institucional para adicalas a outros fins prioritarios e aproveitando por outro un recurso propio como é o mobiliario urbano co único gasto do seu mantemento.

O BNG xa presentara en febreiro de 2014 unha emenda para que a xestión sexa pública e que se destine parte deses espazos á promoción, divulgación e uso direto do asociacionismo de base.

Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.- A paralización do procedemento aberto para a contratación do servizo de explotación publicitaria do mobiliario urbano do Concello de Ourense.

2.- Que se elabore unha ordenanza fiscal para regular o prezo de servizo da explotación de publicidade do mobiliario urbano.

3.- Que o Concello asuma a xestión e explotación municipal dos Mupis e elabore un regulamento de uso dos mesmos para pór eses espazos ao servizo das diferentes concellarías e do movemento asociativo da cidade para a difusión das súas actividades.

Ourense, xuño de 2014

MOCIÓN SOBRE A EXPLOTACIÓN PUBLICITARIA DO MOBILIARIO URBANO