MOCIÓN SOBRE A SOLICITUDE DE ACTUACIÓNS POR PARTE DO CONCELLO NOS BARRIOS DO PINO, CASARDOMATO, REZA
O goberno socialista de Ourense ten desde hai moito tempo abandonado o perímetro rural do Concello, polo que a práctica totalidade das veciñas e veciños destes barrrios acumulan queixas e suxestións sin que os problemas sexan solucionados. A presentación destas queixas por parte das Asociacións de Veciñas e Veciños ante o Rexistro do Concello, as concelleiras e concelleiros responsables ou nas Xuntas de Área nas que poden estar representadas, tampouco supón moito máis que boas palabras e algunha actuación concreta de alcance menor.
O Grupo municipal do BNG entrevistouse hai uns días coa directiva da Asociación de Veciñas e Veciños de Santa Ana do Pino e a sensación de esquecemento que transmitían por parte da administración local era absoluta. O listado de queixas e suxestións era bastante extenso e afectaba en boa medida a calidade de vida das persoas que habitan nestes barrios:
Limpeza: falta de frecuencia da concesionaria na limpeza e no desbroce dos camiños, limpeza do perímetro do colexio, musgo nos camiños que provocan caídas, mala colocación dos coletores, falta de limpeza na zona de coletores que mesmo provocan a presenza de ratas, necesidade de contenedores en Bobadela e Reza Vella (papel e vidro), limpeza necesaria no tanque do lavadoiro da rúa Xoán Montes Capón, desratización.
Infraestruturas: Problemas coas baldosas da rúa Euloxio Gómez Franqueira, regularización dos camiños en Santa Ana, vías que por escorrentía, se enchen de terra polas chuvias, problemas no Camiño dos Cangos e na rúa Abelardo Santorun. Exceso de velocidade na Rúa do Arco e problemas para os peóns pola estreitez cando baixa o autobús, necesidade de colocar bedéns. Sinais de paso de peóns que arrancan e logo tarda en recolocarse na Ponte sobre a vía. Sumidoiros no medio do vial cóncavo
Transporte público: incremento das paradas do autobús e posibles novos percorridos que conecten os distintos núcleos de estes barrios.
Medio ambiente: Parque do Pino con novas randeeiras, peches do espazo verde, aparatos biosaudables, limpeza e mantemento
Recuperación do camiño histórico que unía Reza Vella e Vilar (restos de calzada romana).
Problemas orixinados polas obras do AVE: Touparon o túnel peonil en Bobadela, escorrentías, accesos aos barrios ao norte da vía, falta de respeto coas veciñas e veciños dos barrios, novos pasos que non melloran a accesibilidade.
Polo exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1.- Que o goberno do Concello de Ourense consensúe entre as diversas concellerías afectadas por estas queixas un plan de actuación e atenda as xustas reclamacións das veciñas e veciños dos barrios do Pino, Casardomato, Reza a Vella, Bobadela, San Pedro, Santa Ana e a Chapa.
Ourense, xuño de 2014