Moción para a gratuidade do billete de bus d@s desempregad@s

Moción para a gratuidade do billete de bus d@s desempregad@s

Texto íntegro da moción a debate para o Pleno do 4 de Xaneiro de 2013:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Tarxeta Milenio do Servizo de Autobuses Urbanos de Ourense permítelles aos usuarios acceder ao servizo cunha tarifa reducida xa que está subvencionada polo Concello. Deste xeito, entre os colectivos que poden acceder de forma gratuíta aos autobuses atópanse as persoas maiores de 65 anos e aquelas que teñan unha pensión, pero sen facer distinción entre aquelas persoas usuarias que posúen unha elevada capacidade económica daqueloutras para as que esta medida supón unha importante axuda na súa vida cotiá. Por outro lado, entre os colectivos que poden acceder á tarxeta milenio dos autobuses urbanos de Ourense non se atopan os desempregados, que noutras cidades de Galiza como A Coruña, Vigo ou Lugo si poden beneficiarse de tarifas bonificadas. Para o Grupo Municipal do BNG esta configuración dos colectivos que poden acceder á tarxeta milenio debería cambiarse para buscar unha maior xustiza social introducindo algunhas modificacións.

 

Hai algunhas semanas o Grupo Municipal do BNG presentou unha emenda á Ordenanza fiscal nº 28 reguladora da taxa por prestación do servizo de transporte urbano colectivo de viaxeiros, que anunciaba esta intención, pero as dificultades para introducir as modificacións na prestación do servizo dende o 1 de xaneiro do 2013 e o prexuízo que podería ocasionarlles aos usuarios levou a este Grupo Municipal a retirar a emenda e anunciar a súa presentación como moción no seguinte pleno.

As tarxetas Milenio levan incorporado un microchip onde se almacena a información da persoa usuaria así como as posibles recargas ou actualizacións e ademais sérvelle á empresa concesionaria para levar un control efectivo das viaxes realizadas. De aprobarse esta moción, as tarxetas milenio de pensionistas e terceira idade deberían actualizarse para seguir activas a partir do momento establecido para que entrasen en vigor as novas características destas tarxetas bonificadas. E, para actualizar estas tarxetas, as persoas usuarias deberían presentar na entidade bancaria colaboradora, xunto á súa solicitude de actualización, un certificado que acreditase unha capacidade económica da persoa usuaria inferior a o 150% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples IPREM (fotocopia do IRPF, certificado do INSS, etc). Por outra banda, as persoas desempregadas terían tamén esa marxe de tempo para

solicitar na entidade colaboradora a expedición da súa correspondente tarxeta, que debería actualizarse con maior frecuencia e que entraría en vigor na mesma data fixada da actualización das tarxetas de pensionista e terceira idade. O Concello de Ourense introduciría estas modificacións de xeito provisional desde ese momento e ata a aprobación das novas ordenanzas fiscais para o ano 2014.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.Establecer dende o 1 de abril de 2013, e de forma provisional, unha nova Tarxeta Milenio para as persoas desempregadas que supoña unha tarifa subvencionada ao 100% polo Concello.

2.Establecer dende o 1 de abril de 2013, e de forma provisional, para as Tarxetas Milenio para pensionistas e terceira idade un novo requisito consistente na acreditación por parte da persoa usuaria dunha capacidade económica inferior ao 150% do IPREM.

[ Descargar Texto íntegro moción sobre gratuidade do bus para desempregad@s ]

Asinado: D. Xosé Somoza Medina

Voceiro do Grupo Municipal do BNG

Concello de Ourense

Moción para a gratuidade do billete de bus d@s desempregad@s