Moción para a expropiación do solar de As Burgas

Moción para a expropiación do solar de As Burgas

Texto íntegro da moción a debate para o Pleno do 4 de Xaneiro de 2013:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Plan Estratéxico de Termalismo do Concello de Ourense foi aprobado por unanimidade a comezos de 2007 e desde entón o termalismo foi o argumento máis reiterado por parte de políticos, empresarios ou cidadáns cando se trataba de apostar polo futuro desta cidade. Uns desexos que volveron a contar coa unanimidade política, social e cidadá cando, un ano despois, en maio do 2008, o Parlamento Galego aprobou a declaración de Ourense como Capital Termal de Galiza. Foron dous pasos políticos importantes que debían guiar o noso camiño cara á consecución de obxectivos reais que definisen esa intención de ser un referente no termalismo a escala europea.

Despois veu o tempo da planificación e da execución de numerosas obras para ir acondicionando os tres grandes ámbitos que definía o Plan Estratéxico. Desgraciadamente, algunhas desas actuacións aínda non remataron e outras permanecen, a comezos de 2013, só nos planos. Dos tres ámbitos sinalados, o que está a amosar un menor ritmo na súa transformación é precisamente o máis importante, o que comprende a cerna da nosa urbe, o espazo de maior identidade e identificación de Ourense.

Este lugar recibiu recentemente un novo pulo, logo da aprobación en xaneiro do 2012 do Plan Especial do BIC coa categoría de Sitio Histórico do conxunto “Fontes Termais das Burgas e a súa contorna delimitada”. Este Plan establece no referido á Área de Intervención nº10.- “AR-As Burgas e a súa contorna” que o obxectivo é “obter un equipamento termal de importante entidade que permita aproveita-la riqueza en augas quentes do lugar e, ó mesmo tempo, poñer en valor a zona”, abundando noutro apartado que “os obxectivos principais desta unidade de actuación son obter un equipamento termal a escala de cidade, ordena-lo ámbito e urbaniza-lo seu contorno co gallo de integral e dignificalo”. O Plan Especial fixa que no referido a esta Área de Intervención, a única sobre Solo Urbano Non Consolidado, a execución “realizarase polo sistema de actuación establecido no Plan e poderá ser substituído por outro polo procedemento previsto na lei”. Pois, como determina o artigo127.2 da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galiza, “A determinación do sistema de actuación deberá incluírse obrigatoriamente nos instrumentos de planeamento que conteñan a ordenación detallada do solo urbano non consolidado e do solo urbanizable. A modificación do sistema de actuación poderá ser aprobada polo concello, de oficio ou a instancia dos particulares interesados”.

O Estudo de Detalle da Área de Intervención A1-10 do Plan Especial e o Proxecto de Reparcelación desta mesma Área propoñen unha proposta de proxecto único para este conxunto, recoñecendo implicitamente a singularidade desta intervención para o conxunto da cidade”, resultando deste xeito unha única parcela de resultado, que consideramos que pola súa trascendencia debe ser de titularidade municipal.

A correcta intervención neste espazo pode significar a diferenza entre éxito e o fracaso en toda a planificación levada a cabo no termalismo ourensán. Calquera habitante desta cidade entende que o que lle falta a Ourense para ser de verdade unha capital termal é un equipamento “a escala da cidade” no espazo que define o seu sentido de lugar. E iso é precisamente o que pretende esta Unidade de Actuación inserida nunha polémica de turbio pasado, tanto polo procedemento de adquisición privada dos terreos públicos como polo feito de cortar o caudal das Burgas no 2005.

A Lei de expropiación forzosa establece este sistema de execución para os casos de utilidade pública ou interese social e o Grupo Municipal do BNG considera máis que xustificada a utilidade pública e o interese social para xestionar a Área de Intervención 10 do Plan Especial das Burgas polo sistema de expropiación.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO

Establecer, de oficio, para o Estudo de Detalle da Area de Intervención 10.- “AR-As Burgas e a súa contorna”, do Plan Especial do BIC coa categoría de Sitio Histórico do conxunto “Fontes Termais das Burgas e a súa contorna delimitada”, o sistema de actuación directa de expropiación.

[ Descargar Texto íntegro moción expropiación solar de As Burgas ]

Ourense, 27 decembro de 2012

Asinado: D. Xosé Somoza Medina

Voceiro do Grupo Municipal do BNG

Concello de Ourense

Moción para a expropiación do solar de As Burgas