Moción para pedir a anulación do decreto que nomea a Carmen Dacosta coordenadora de grupo
Texto íntegro da moción presentada a debate no pleno do mes de Xuño de 2013:
O pasado día 23 de maio o alcalde asinou un decreto que nomeaba a anterior concelleira non electa, Carmen Rodríguez Dacosta, persoal eventual do Concello de Ourense co cargo de responsable de grupo político. Foi o mesmo día que saíu publicada no BOE a sentenza do Tribunal Constitucional que declaraba inconstitucional o precepto legal que permitía nomear como membros da xunta de goberno local a concelleiros e concelleiras non electas.
No mesmo día en que se fai efectiva a sentenza, o alcalde anuncia que a persoa que tiña delegada as competencias de persoal e policía local como concelleira non electa, seguirá coordinando esas áreas como persoal eventual, algo que incumpre a normativa vixente e que, ademais, non concorda coas funcións que ten asignadas ese posto de traballo na RPT do Concello de Ourense.
Esta nova decisión amosa a situación errática dun goberno que é incapaz de escoitar ás forzas sindicais, que se posicionaron abertamente en contra deste decreto e anunciaron posibles accións xudiciais; á oposición, que nos manifestamos en contra da manobra política que fai o alcalde, e mesmo a algúns membros do goberno que se enteraron pola prensa desta decisión e amosaron a súa disconformidade.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Que o alcalde de Ourense anule o decreto polo que se nomea a unha nova Coordinadora de Grupo Político