Moción sobre o Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense
Texto íntegro da moción a debate no pleno de xuño de 2013:
O Consello da Xunta aprobou o 10 de xaneiro o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia. Un plan de incidencia supramunicipal que pretende definir o modelo da rede viaria metropolitana de Ourense e que debe ser incluído no plan xeral de ordenación do concello de Ourense, polo que quedarían permanentemente afectados terreos e vivendas.
Na súa redacción preséntase como eficaz, equilibrado, consensuado, estable e sostible. Nada máis lonxe da realidade porque, na súa tramitación, o plan incumpre as premisas sobre as que di que se basea. Nin se consensuou coas partes implicadas, nin se xustifica a necesidade do proxecto no momento actual, nin se prevé o seu financiamento.
A Xunta non informou os veciños das parroquias afectadas, non valorou con eles os trazados para tratar de abordalos polas zonas de menor impacto. Moitas das novas vías propostas non supoñen ningún beneficio posto que non solucionan os problemas de comunicación existentes, nin reducen de xeito significativo os tempos de viaxe. Nalgún caso, ata se volven propoñer trazados que xa foran rexeitados polos tribunais por seren demasiado lesivos para as poboacións que atravesaban.
Tampouco o Concello de Ourense informou os veciños cando tivo coñecemento do plan sectorial previsto pola Xunta. Nin sequera tivo en conta as súas demandas cando redactou as alegacións.
O proxecto non responde ás necesidades actuais nin se prevé dotación orzamentaria para os 160 millóns de euros que está previsto que custe a súa execución, polo que non se xustifica nin desde o punto de vista económico nin social.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1.- Solicitar da Xunta de Galiza a retirada das seguintes infraestruturas previstas no Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia:
Semienlace coa AG-53 en Santa Cruz de Arrabaldo coa N-120.
Enlace da N-120 coa OU-536 en Velle.
Ronda Boulevard no tramo comprendido entre a OU-105 e a OU-510, tendo en conta o futuro solo industrial que se promove na Campa do Cumial.
2.- Subsidiariamente, solicitar da Xunta de Galiza a paralización na tramitación do dito plan, abrindo un novo prazo de información pública para que as persoas afectadas poidan facer as oportunas alegacións.
3-. Que o Concello colaborare cos interesados facilitándolles o asesoramente técnico e material necesario para exercer o seu dereito a presentar alegacións ao plan sectorial da rede viaria de Ourense.
Ourense, maio de 2013