Moción polo mantemento do IES da Carballeira "Marcos Valcárcel"

Moción polo mantemento do IES da Carballeira "Marcos Valcárcel"

Texto íntegro da moción presentada a debate no pleno ordinario de abril de 2013:

O 21 de marzo o Consello da Xunta deulle o visto e prace á conversión do IES A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense nun Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP). Esta decisión, que ten importantes repercusións na estrutura educativa do concello de Ourense, foi tomada unilateralmente desde a Consellería de Educación sen diálogo previo coa comunidade educativa, sen ter en conta o seu proxecto educativo integrador e innovador, polo que provocou o seu rexeitamento inmediato.

O alumnado que reside na contorna da Carballeira vaise ver obrigado a desprazarse a outros centros, distantes do seu domicilio e afastados do ámbito no que ata agora desenvolvían a súa vida diaria. Por outra parte, os trastornos que se lles vai orixinar ás familias dos rapaces e rapazas que acceden ao IES A Carballeira desde concellos limítrofes van ser aínda maiores.

Así mesmo, a necesidade de recolocar o alumnado provocará a masificación e o deterioro do servizo educativo nos centros receptores,;deterioro ao que lle hai que sumar os recortes que se veñen producindo nos últimos anos.

Pero maior gravidade ten o feito de que, unha vez máis, os máis prexudicados son os alumnos e as alumnas que teñen necesidades educativas especiais polo que precisan de apoio específico e uhha atención personalizada para rematar os seus estudos. No centro da Carballeira a ratio por alumno permite esta atención que non vai ser posible nun instituto masificado.

En suma, a Xunta aposta por un camiño que vai representar o desmantelamento dun centro referente polo seu funcionamento e polo seu modelo de integración de toda a comunidade educativa.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

- Instar á Xunta a paralizar o proceso de conversión do IES A Carballeira-Marcos Valcárcel nun CIFP.

- Transmitirlle á Xunta as demandas da comunidade educativa do IES A Carballeira-Marcos Valcárcel que solicita que a transformación se pospoña, como mínimo, un ano para dotar o centro de destino dos alumnos desprazados do profesorado necesario co fin de lle dar resposta ás súas necesidades educativas e mais permitir que os profesores poidan participar no vindeiro concurso de traslados e non teñan que quedar desprazados por falta de horario.

Ourense, marzo de 2013

Moción polo mantemento do IES da Carballeira "Marcos Valcárcel"