Moción sobre o copago dos comedores escolares

Moción sobre o copago dos comedores escolares

Texto íntegro da moción que presentou o BNG a debate no pleno ordinario de abril

O pasado día 12, deste mes de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza deu a coñecer un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas cunha medida que afecta directamente ao alumnado do noso país. O goberno do PP anuncia a ampliación do copago do servizo de comedor escolar.

Esta decisión carga sobre as precarias economías das familias a obriga de lle facer fronte ao pago dunha parte importante deste servizo. Un servizo necesario para garantir un dereito fundamental como é o Dereito á Educación que, con esta imposición do goberno do PP, vén a deteriorar o ensino público no que respecta ao servizo de comedores escolares.

Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras; recortes nos orzamentos dos centros; recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.

Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.Instar á Xunta de Galiza a non estabelecer un novo copago no servizo de comedores escolares.

2.Demandar da Xunta de Galiza velar polo dereito á educación, garantindo un servizo de comedor escolar de calidade para o alumnado que o necesite.

3.Instar á Xunta de Galiza a ampliar o servizo de comedor gratuíto ao alumnado con poucos recursos económicos do ensino infantil e de primaria.

4.Nos orzamentos para 2013, o Concello de Ourense manterá a partida destinada a subvencionar os comedores escolares e incrementará a destinada ás axudas para familias cuxas rendas sexan insuficientes para asumir o custo do comedor escolar.

Moción sobre o copago dos comedores escolares