Manter o poder adquisitivo d@s empregad@s públic@s
O BNG rexeita a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os
vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto
sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello.
Por iso, ante o escenario deseñado polo Goberno do Estado, inútil e errático á hora de recuperar e impulsar a economía como todos os indicadores económicos demostran, ineficaz para asegurar financiamento público e privado dadas as persistentes restricións no crédito, e pertinaz en aplicar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar dereitos económicos e sociais das maiorías sociais, é preciso adoptar un posicionamento político unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos.