O BNG condiciona a última modificación orzamentaria do Concello de Ourense
O Grupo Municipal do BNG, na fase de negociación previa, limitou o alcance da 2ª modificación dos Orzamentos de 2012, orientando o destino dos fondos cara ás necesidades de carácter social (ex. comedores escolares) e servizos básicos (ex. abastecemento e saneamento do rural). Así mesmo, forzou a súa redución en máis de 900.000 sobre a proposta do PSOE, entendendo que a modificación só tiña que atender necesidades do exercicio 2012 ou anteriores.
As áreas ata pouco xestionadas polo BNG contan con capacidade de gasto para atender as necesidades deste ano, son un exemplo da disciplina orzamentaria aplicada o que fai innecesario o incremento de partidas. Isto contrasta coas áreas socialistas, que, fiando todo ás sucesivas modificacións, seguen no descontrol do gasto, no incremento de actividades impropias e duplicando actividades en competencia entre concellarías.
Débese salientar que as cantidades destinadas a contratos da axuda no fogar e limpeza de colexios están causadas por desfases producidos por desprazamentos de facturas do ano 2011 ao actual. Entendendo que afectan a servizos importantes, contaron co apoio do BNG, pero baixo o compromiso de non desviar céntimo ningún para outras finalidades, e serán obxecto dun seguimento estrito polo Grupo Municipal do BNG.
O proceso de negociación estivo inspirado nas liñas de política orzamentaria deseñada con anterioridade polo BNG, trasladadas no seu día ao socio de goberno: dinamización económica, redución de duplicidades, contención de actividades impropias, distribución material de competencias, limitación do gasto cativo... En definitiva, estratexias válidas para o actual escenario de recesión económica.
Ourense, novembro 2012