O pleno acorda anticipar os cartos das axudas de emerxencia co rexeitamento do PSOE

O pleno acorda anticipar os cartos das axudas de emerxencia co rexeitamento do PSOE

O 24 de febreiro conmemoraremos en Ourense o Día de Rosalía. A corporación aprobou a proposta do BNG para que nesta data dende o Concello se promocionen, apoien e organicen actividades en torno á súa obra e figura.

No pleno o BNG reivindicou a figura da nosa poeta nacional á que se lle debe a recuperación literaria e lingüística da Galiza. Ela escribiu cando as mulleres nin sequera escribían. E decidiu facelo en galego cando ninguén sabía como poñer por escrito aquilo que o pobo falaba. Desafiou os prexuízos sociais. Reflectiu as súas emocións pero tamén se amosou comprometida coa súa terra e coas súas xentes. Reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo

O BNG tamén esixe -e así o recollía na moción- que a Xunta de Galiza volva incluír o 24 de febreiro no calendario do Libro e da Literatura

portavoces-buscan

Outro das propostas nacionalistas foi a de que dende o concello se anticipen os cartos no caso das axudas de emerxencia social porque a xente as solicita para cubrir necesidades urxentes e non poden esperar 3 meses pola súa tramitación.

Tanto a demora dos concellos como a do goberno galego -a Risga tarda entre 6 e 7 meses en tramitarse- obrigan á xente a teren que acudir a organizacións non gobernamentais que están a facer as funcións que deberían facer as administracións.

O PSOE agradeceu a preoucpación do BNG nesta cuestión pero non apoiou a moción argumentando que había que estudar cada situación, facer as visitas e seguir o procedemento.

O BNG aprobou a moción do PP na que pedían optimizar o transporte público urbano, incorporando novas rutas e paradas. A moción foi aprobada coa emenda nacionalista que engadía que antes do 31 de marzo as-os desempregadas-os puidesen ter xa a tarxeta gratis.

Democracia Orensana pediu precintar o aparcamento público de Concordia. O BNG déulle a razón en canto que uns teñen que cumprir todas as normas, facer todos os trámites e pagar todos os impostos para poder ter un negocio aberto mentres outros poden mantelo durante 30 anos sen facer nada diso.

É un agravio comparativo con toda a cidadanía, con moitas familias que teñen un verdadeiro problema o mes que hai que pagar o IBI (por moito que llelo fraccionen), ou o imposto dos vehículos. Ou cando teñen que pagar unha licenza de obra, ou co recibo do lixo.

Porén, o BNG no concordaba co de pechar un negocio que non reúne os requisitos e deixar abertos outros que poidan estar nas mesmas condicións.

Para clarificar o tema presentamos unha emenda na que pedimos que se nos informe sobre a situación legal de todos os existentes e que se nos indiquen as posibles solucións. Para iso non deberían facer falla máis de dúas semanas

Democracia Orensana aceptou a emenda pero o resto dos grupos non. A moción tampouco foi aprobada.

Tampouco saiu adiante unha moción de D.O. na que solicitaba sacar a concurso a explotación comercial dos Mupis e que se suprimisen os non elevados. O BNG emendara a moción pedindo que a explotación a fixese directamente o concello para pólos ao servizo das concellarías e das asociacións e colectivos.

Na moción presentada por urxencia polo PSOE arredor das vivendas que o PXOM deixa fóra de ordenación, o grupo de goberno aceptou a emenda nacionalista para que o equipo redactor introducise modificacións no planeamento para que ningún edificio licitamente construído quede en situación de fóra de ordenación a causa da súa altura ou volume. O BNG conseguiu o compromiso público do alcalde para que isto sexa así.

A moción presentada por urxencia polo PP sobre o mesmo tema das vivendas fóra de ordenación non foi aprobada porque non lle daba unha solución ao problema. Despois da campaña desenvolvida polo PP sobre este tema unicamente se limitaba a pedir que o PXOM describise mellor esta situación, sen solucionala.

O pleno acorda anticipar os cartos das axudas de emerxencia co rexeitamento do PSOE