O BNG cuestiona a reforma do Estadio do Couto e critica o lamentable estado do terreo de xogo
A poucos días de que comecen as competicións en 2ª e 3ª RFEF, desde o BNG critican que o terreo de xogo non se atope nunhas condicións mínimas, prexudicando gravemente os intereses dos clubs que fan uso do mesmo e ofrecendo unha lamentable imaxe da cidade ao tempo que supón un risco para a integridade dos deportistas
Ourense, 01 de agosto de 2022. Xa no mes de xuño de 2021 e a través do Grupo Parlamentar no Pazo do Hórreo, o BNG interesouse polos plans da Xunta de Galiza no Estadio do Couto. O certo é que meses despois, a Xunta e o Concello de Ourense anunciaban a bombo e prato unha actuación próxima aos dous millóns de euros no Estadio e que, segundo informaba a propia Xunta, “transformaría o recinto nun espazo moito máis funcional e polivalente”.
Para o Grupo municipal do BNG e tal e como manifesta o seu portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “con esta actuación non se solucionan as verdadeiras eivas do estadio pois seguiremos tendo problemas de accesibilidade ao mesmo”.
Segundo Seara, “a Xunta segue a enterrar cartos en reformas que en realidade son parches cando o realmente necesario sería abordar a construción, no propio espazo do actual, dun novo estadio que responda ás necesidades actuais de clubs e afeccionados”.
Outro dos aspectos que preocupa aos nacionalistas é que, tal e como se contempla na reforma, “pretenden eliminar dun plumazo todos aqueles elementos e símbolos que representan o pasado e que son sinais de identidade do propio estadio, que sempre estará ligado, por moito que o pretendan eliminar, a Club deportivo Ourense”.
O estado do terreo de xogo tamén preocupa, e moito, no BNG xa que non se atopa nin moito menos nas mellores condicións. A este respecto Luís Seara ten claros os motivos, “non existe un mantemento adecuado das instalacións e moito menos dun terreo de xogo que ten que soportar a dous equipos, polo que os coidados e mesmo o mimo con que se debía manter brilla pola súa ausencia”, ao que engade, “esta situación produce graves prexuízos aos deportistas que fan uso do mesmo, supón un risco para a súa integridade e merma a calidade que se lle pode ofrecer aos afeccionados, por non mencionar a lamentable imaxe que ofrecemos da cidade pois a meirande parte dos encontros serán televisados”.
Ante esta situación, desde o BNG urxen á Xunta de Galiza para que manteña unha xuntanza cos clubs que fan uso das instalacións para polos ao día do avance das obras e da afectación que terán ante o desenvolvemento das competicións e a presenza de público nas bancadas ao tempo que solicitan sexan atendidas as centos de peticións existentes para manter as cores e a simboloxía que lle da personalidade ao estadio, íntimamente ligada ao, por desgraza, extinto C.D. Ourense.