O BNG instará en Pleno ao Goberno Local á recuperacións dos ríos do concello e a súa contorna a través dos fondos Next Generation

Rhut Reza, Luís Seara
Rhut Reza e Luís Seara

A formación nacionalista ven de rexistrar unha moción na que instarán ao Goberno do concello a optar aos fondos postos en marcha pola Fundación Biodiversidade, dependente do MITECO para a renaturalización urbana das cidades

O BNG instará en Pleno ao Goberno Local á recuperacións dos ríos do concello e a súa contorna a través dos fondos Next Generation

Ourense, 29 de novembro de 2022. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense volverá a insistir na necesidade de que o Concello de Ourense opte á captación de fondos para o desenvolvemento de proxectos transformadores e de gran calado, os cales terían moi difícil execución no caso de ter que ser financiados íntegramente con fondos propios.

Aproveitar as oportunidades e captar todo o financiamento externo que sexa preciso tamén debe ser unha das máximas do Goberno Local, motivo polo cal, desde o BNG, solicitarán presentar proxectos e optar ás que a Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) pon en marcha con máis de 80 millóns de euros co obxecto de renaturalizar as cidades e cuxo prazo de presentación de proxectos remata o vindeiro día 22 de decembro.

Como ben lembra a concelleira Rhut Reza, “ao longo do presente mandato e como consecuencia das continuas liñas de axudas promovidas por outras Administracións dentro do marco dos Fondos Next Generation, desde o BNG presentamos nos últimos meses unha serie de iniciativas encamiñas á captación de fondos de aqueles Programas que entendemos contribuirían a transformar o noso concello desde o punto de vista da accesibilidade, a eficiencia enerxética, a humanización de espazos públicos ou mesmo coa recuperación e posta en valor de edificios de titulariedade pública”.

Segundo sinala Reza, “desta volta falamos de renaturalizar. Non falamos dunha mera revexetación, senón de tentar recuperar a conectividade ecolóxica e para iso tamén se debe realizar unha intervención completa, desde os solos até a restauración de hábitat”.

Desde o BNG entenden acaído que o Concello de Ourense opte a estas axudas “tendo en conta a imperiosa necesidade e a grande oportunidade que temos coa recuperación dos nosos ríos e as súas contornas, sen dúbida para nós esta debera ser a acción principal a desenvolver, así como de toda a masa forestal existente ao redor da propia cidade e consecuencia da situación xeográfica da mesma, a posta en valor de toda a contorna e a vexetalización do casco urbano así como das zonas periurbana”.

Na moción, os nacionalistas destacan que a día de hoxe xa son moitas as cidades que teñen presentado os seus proxectos a esta liña de axudas que ademais está encamiñada, entre otras cousas, á restauración dos ecosistemas fluviais nos entornos urbanos. Este ámbito ten moita relevancia xa que como ben apuntan desde o BNG, “o noso concello atópase atravesado por tres ríos, o Miño, o Loña e o Barbaña e aos que tradicionalmente a cidade lle deu ás costas. Cómpre a súa recuperación e a súa integración urbana. Unha integración, sustentable, pouco agresiva cos seus ecosistemas pero que ao tempo, permitan á veciñanza disfrutar dos mesmos”.

O BNG instará en Pleno ao Goberno Local á recuperacións dos ríos do concello e a súa contorna a través dos fondos Next Generation