O BNG leva a pleno propostas a un goberno dividido e paralizado
Un dos pontos máis destacados do pleno foi a aprobación da moción presentada polo BNG para que o goberno local elaborare uns orzamentos que se presenten para a súa aprobación no mes de xaneiro. Os nacionalistas anunciamos que non volveríamos aprobar modificacións de crédito dos orzamentos prorrogados do 2012.
Traballar cuns orzamentos prorrogados atrasou a execución de investimentos, puxo en perigo a sinatura de convenios, subvencións, axudas e o máis grave, imposibilitou a aprobación do Plan de Emprego impulsado polo BNG e consensuado cos axentes económicos e sociais..
A moción contou co apoio do PP e molestou especialmente ao equipo de goberno. O concelleiro de economía, Vázquez Barquero , amosou a súa perplexidade pola mimetización que, dixo, facíamos das políticas do PP para acosar, desgastar e tumbar ao goberno local. Afirmou que só nos quedaba asinar unha moción de censura co PP encabezando a candidatura.
O BNG retirou a moción na que pedía un sistema de compostaxe descentralizado impulsando cos concellos limítrofes un complexo medioambiental cun plan de tratamento do lixo baseado na recollida selectiva, reciclaxe e valorización da materia orgánica mediante a súa compostaxe.
O PSOE comprometéuse a impulsar a proposta argumentando que había que sondear aos municipios que participaran deste plan e tamén porque habería que falar con outras administracións para inxectar financiamento.
Os nacionalistas non apoiaron a proposta do PP para que se elaborara un Plan de Violencia de Xénero Municipal. De feito, o BNG tamén tiña unha moción para que se impulsara o II Plan de Equidade de Xénero do Concello dado que a violencia contra as mulleres hai que combatela de forma integral, sobor de todo, coa educación que é o xeito de mudar actitudes que desembocan na violencia psicolóxica ou física. Aliás, tamén instamos ao goberno galego a mellorar as axudas que receben as mulleres víctimas de violencia de xénero, a integrar no servizo de atención primaria a atención psicolóxica, a garantir a atención xurídica e a que as mulleres vítimas de violencia teñan prioridade na formación e promoción de emprego. A moción do BNG foi aprobada.
Prosperou cos votos do PP a solicitude de dimisión do Alcalde que presentou D.O. O BNG houbera aprobado a moción se saíran adiante as emendas nas que pedíamos a demisión do presidente da Xunta e do goberno español tamén por incumprimento de programa e polo tanto, fraude electoral.
Tampouco se aprobou a supresión do Festival de cine de Ourense ni a apertura dun expediente sancionador a Marta Míguez unha das organizadoras da carreira do San Martiño- propostas de D.O.
O Partido Popular retirou unha moción na que pedía que cada concellaría emitise as cartas de pago segundo a ordenanza fiscal que lle correspondese e que se mellorasen os mecanismos de pagamento virtual. Anque o BNG concoraba co sentido desta proposta, o voceiro popular non foi quen de respostar ás preguntas sobre o qué querían exactamente e cómo querían que se desenvolvese (parece que non tiveron en conta os servizos que están privatizados).
Finalmente retirárona para que se pidan informes técnicos que valoren a efectividade da proposta.
O grupo municipal non apoiou a moción do PP na que reclamaba que se redactase unha ordenanza para regular os espectáculos. Non tiveron en conta que é unha competencia da Xunta e que foi ésta, a través dun decreto, quen lle restou competencias ás administracións locais.
En canto ao operativo especial que pedían que se montase durante o Nadal para evitar a organización de festas ilegais , o BNG lembróulles que ao ser competencia da Xunta debería ir acompañada dos medios para exercela. O alcalde ata falou de levar antidisturbios.
Tamén fixemos mención á lei de espectáculos que o goberno galego levará próximamente ao Parlamento para a súa aprobación e que, tal e como está redactada, prexudica a cultura popular galega en todas as súas formas de expresión (romarías, festas parroquiais, gastronómicas ) posto que obriga ao pagamento dun seguro e a garantir a seguridades en que se diferencie entre éstas e os festivais, concertos e outras actividades que sí se organizan con ánimo de lucro.
No futuro, o Pórtico do Paraiso e o Sen Batuta pasarán a ser un único certame de música clásica xestionado directamente por persoal funcionario. Esta proposta do PP foi aprobada polos nacionalistas por teren valeirado a esencia do Sen Batuta. A concelleira de Cultura e Educación, Ana Garrido, restóulle o que tiña de extraordinario o certame ideado polo BNG polo que para a organización do Pórtico do Paraíso ben o pode facer tamén con persoal propio.
O pleno aprobou que se habiliten zonas públicas para poder colocar carteis e anuncios . A moción era do PP pero aprobóuse unha emenda do BNG para que nun prazo non superior a dous meses o goberno traslade aos grupos políticos un borrador da nova ordenanza de limpeza. Os nacionalistas defenderon que si non hai soportes autorizados non se poden impor multas.
O BNG emendou a moción do PSOE sobre o deterioro da sanidade pública. Aprobóuse que se inste á Xunta a desbloquear as obras de ampliación do CHUOU e que se executen con fondos públicos. No referente a cirurxía pediátrica pedimos que se garanta o mantemento do servizo ás 24 horas os 365 días do ano. Tampouco esquecemos a situación das matronas e solicitamos que se cubran as súas baixas, vacacións e vacantes. Por último, instamos ao goberno galego a frear o desmantelamento dos Centros de Orientación Familiar, o servizo 065 e a implantación do repago farmacéutico para enfermos crónicos.
A compatibilidade dun funcionario provocou a marcha de 5 concelleiras-os do PSOE que non quixeron romper a disciplina de voto e se ausentaron para non ter que votar en contra. A compatibilidade foi rexeitada. O BNG abstívose ao igual que fixo en casos anteriores.