O BNG levará ao pleno do vindeiro luns, a utilización dos fondos municipais por parte do Estado e as dúbidas entorno ao inicio do curso escolar.
A formación nacionalista porá enriba da mesa a utilización que pretende facer o Estado dos fondos das entidades locais así como as dúbidas existentes dentro da comunidade educativa en relación ao próximo inicio de curso e o protocolo aprobado pola Xunta de Galiza.
Ourense, 21 de agosto de 2020. O BNG presentou dúas mocións para debatir no pleno do Concello de Ourense a celebrar o vindeiro día 24 de agosto.
A primeira delas, refírese a unha cuestión de primeirísima actualidade como é a utilización que o Estado pretende facer dos fondos pertencentes ao remanente de tesourería das entidades locais. Os nacionalistas amosan o seu profundo rexeitamento a calquera tentativa de incautación ou bloqueo dos fondos por parte do Estado, xa que as necesidades estatais non poden anular as necesidades locais.
Desde o BNG quérese deixar claro que é fundamental garantir que a posibilidade de utilización de fondos ou mesmo o endebedamento por parte dos concellos non sexa utilizado por outras Administracións.
Por todas estas razóns, o BNG demandará ao pleno da corporación acordar, por unha banda instar á Xunta de Galiza a solicitar do goberno español a derrogación da Lei de 2/2012 de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira para permitir ás entidades locais atender as competencias propias con cargo aos remanentes e/ou superávit, así como ampliar a capacidade de endebedamento das Administracións locais para afrontar ditos gastos. E por outra, solicitar que a interlocución do goberno do Estado cos concellos galegos se estabeleza a través da FEGAMP, entidade na que están representados a totalidade dos concellos galegos e as catro deputacións provinciais.
A segunda das mocións refírese ao protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino para o curso escolar que está a piques de iniciarse e que tantas incertezas e dúbidas xera dentro de toda a comunidade educativa.
Neste senso o grupo municipal do BNG no Concello de Ourense solicitará o apoio do resto de grupos para poder amosar o rexeitamento ao Protocolo para o ensino non universitario aprobado pola Xunta de Galiza así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia.
Piden tamén esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios do Concello de Ourense, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecuste.
Pedirán desde o BNG apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado Instando ao Concello de Ourense a que, no caso de que a Xunta de Galiza non asuma as súas responsabilidades estableza unha bolsa de monitores e monitoras para cubrir as necesidades que poidan existir nos diferentes centros educativos da cidade e emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta.
E por último, dar traslado do acordo acadado á Xunta de Galiza, á FEGAMP e ANPA ou ANPAs que teñan implantación na localidade.