O BNG mobilízase para reclamar a reposición das liñas e servizos ferroviarios suprimidos en Ourense coa escusa da covid-19

91fd1deb-9a51-40c9-a97b-9197cea5ea3f
Noa Presas e membros do BNG e Galiza Nova

A formación nacionalista denuncia que coa escusa da pandemia, RENFE e o ADIF decidiron suprimir liñas de conexión entre Ourense e o resto do país moi demandadas e empregadas por centos de viaxeiros

O BNG mobilízase para reclamar a reposición das liñas e servizos ferroviarios suprimidos en Ourense coa escusa da covid-19

Ourense, 30 de setembro de 2020. Na mañá deste mércores 30 de setembro, o BNG reuniu ao carón da estación empalme de Ourense aos deputados autonómicos Noa Presas e Iago tabarés, aos concelleiros no Concello de Ourense Luis Seara e Rhut Reza, ao deputado provincial Bernardo Varela, así como membros de Galiza Nova e da propia formación nacionalista.

O motivo non é outro que anunciar o inicio dunha campaña co obxecto de que tanto RENFE coma o ADIF repoñan as liñas e servizos ferroviarios suprimidos durante o estado de alarma, aducindo a baixa demanda daquel momento pero que a día de hoxe, pese a terse iniciado o curso escolar e universitario, e reiniciada boa parte da actividade empresarial seguen sen reporse.

Esta situación causa, a ollos dos nacionalistas, un moi grave prexuizo para todos aqueles que teñen fixada a súa residencia en Ourense pero que diariamente se desprazan a outras localidades do país a exercer a súa activiade laboral, estudantíl ou de calquera outra índole.

Neste senso, a deputada Noa Presas afirmaba que "queremos reivindicar un trato xusto para Ourense no que aos servizos ferroviarios se refire", para engadir, "esiximos ao goberno central que deixe dunha vez por todas de aproveitar a escusa da pandemia do coronavirus para simplemente eliminar servizos".

Insistía Presas en que "onte mesmo asistimos á ratificación do peche da venda presencial de billetes tanto nas estacións de O Barco de Valdeorras como en A Rúa, cuenstións que levamos anos denunciando". "Folla de ruta levada a cabo desde fai anos tanto polo PP como agora polo PSOE".

A deputada por Ourense referiuse concretamente á supresión da liña do Avant de primeira hora da mañá, a das 06:45h. Liña moi empregada por persoas que teñen fixada a súa residencia en Ourense pero que se desprazan a diario a outras cidades galegas como pode ser Compostela ou A Coruña para traballar, estudar ou levar a cabo outras xestións. Segundo Noa Presas "é unha decisión que non podemos asumir desde Ourense polo que facemos un chamamento á mobilización social a favor de que iso non aconteza".

Por ese motivo Presas anunciou que hoxe mesmo o BNG inicia unha forte campaña de axitación social con "cartelería, volantinas e tamén cun modelo de alegacións para que a xente envíe a RENFE e ao ADIF a fin de que esta situación se rectifique".

Outro dos puntos nos que inciden os nacionalistas é na vella demanda de que se rebaixe o prezo do billete das liñas do Avant xa que "é inconcebíbel que Ourense siga pagando ata un 60% máis do que pagan outras frecuencias que atravesan o eixo atlántico". Reivindicación que conta ademáis co acordo unámime do propio Parlamento de Galiza.

"Se realmente se quere apostar por Ourense e se quere apostar porque a vida non comeza nin remata no AVE, hai que apostar por ter unha conexión de Avant digna, con prezos baixos e cunha ampliación de liñas que de realmente servizo á veciñanza".

Na mesma comparecencia, Noa Presas anunciou que seguirán, desde o BNG, trasladando iniciativas tanto no Concello de Ourense como no Parlamento galego tal e como se ven facendo nos últimos anos así como no Congreso dos Deputados.

A deputada nacionalista apelou a que os representates de PP e PSOE "fóra da demagoxia que levamos vendo nos últimos días, fagan o que teñen que facer. Que presionen ás súas organizacións políticas, que voten a favor destas iniciativas e que impidan que este novo atraco a Ourense pase desapercibido".

A campaña iniciada hoxe polo BNG demanda: A restitución inmediata do Avant Ourense - A Coruña das 06:45h. A mellora e ampliación de liñas. A rebaixa de cando menos un 30% do prezo dos billetes das liñas Avant. Así como as transferencias en materia de trens interiores e a creación dunha compañía pública ferroviaria galega (GALTREN) que mellore a prestación deste servizo no noso país.

En base a todo o que está acontecendo, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou, para ser debatida no pleno deste venres, unha moción na que se solicita a implicación do concello na reposición de tódalas liñas e servizos ferroviarios suprimidos e que tanto malestar e afectación está tendo en centos de ourensáns.

O BNG mobilízase para reclamar a reposición das liñas e servizos ferroviarios suprimidos en Ourense coa escusa da covid-19