O BNG ofrece propostas no sector da cultura para superar a crise sanitaria
A formación nacionalista aposta polo desenvolvemento de actividade cultural vía online e a reformulación do formato de vindeiras datas festivas
O BNG insta ao cogoberno do Concello de Ourense a atopar solucións para o sector cultural despois da paralización da súa actividade coa proclamación do estado de alarma. A formación nacionalista ofrece tamén propostas concretas co gallo de comezar a reactivar a actividade e levar a cabo os pagos pendentes coas traballadoras do mundo da cultura por parte do concello.
A actividade cultural paralizouse como consecuencia da activación do estado de alarma debido á crise sanitaria xerada polo COVID-19- Esta parálise fai que o sector das artes escénicas sexa un dos sectores máis castigados. Dende a formación nacionalista instaron á administración municipal a apoiar e mitigar a parálise á que se ve sometida a actividade cultural. O BNG ofreceu medidas concretas co obxectivo de apoiar o sector das artes escénicas.
Dentro do eido burocrático, a formación nacionalista apoia o pago de todas as facturas pendentes de abonar ao sector cultural por parte do Concello así como adiantar traballo na realización de pregos e bases de subvencións pendentes. Asemade, instaron ao cogoberno municipal a adquirir o compromiso de manter os contratos coas empresas prestadoras de servizos culturais adiando os programas contratados e non suspendelos directamente.
“Temos que manter nas redes sociais institucionais do Concello de Ourense, como o perfil Ourense Cultura, activo ofrecendo contido atractivo e entretido para tamén aquelas persoas que estean nas súas casas confinadas: obras de teatro, concertos, recitais, contacontos...” enumeraron dende a formación nacionalista. Asemade, instaron a traballar na liña de manter unha axenda cultural activa adaptada ás novas circunstancias e mediante medios diferentes aos que se viñan empregando. Sinalaron que o Concello pode contratar á industria cultural local para que realice actividades en liña e en directo para a poboación ourensá.
Asemade, o BNG apuntou que é preciso comezar a analizar se é preciso unha reformulación do formato de futuras festividades- Os Maios, día das Letras Galegas dedicadas a Carvalho Calero, e mesmo a Festa Maior de Ourense- xa que non se debería renunciar a elas mais “hai que darlle unha volta para tratar de manter a actividade cultural e tamén se debería preparar o cogoberno municipal para este tempo que entra” apuntaron xa que nuns meses non será posíbel a concentración de multitudes.