O BNG propón medidas concretar para apoiar ao colectivo dos autónomos e PEMES
A formación nacionalista ofrece proposta económicas ante a pouca concreción das anunciadas polo goberno municipal
O BNG ven de aportarlle ao cogoberno do Concello de Ourense medidas económicas de apoio ao sector dos autónomos. Sinalaron que a falta de concreción das medidas anunciadas. Propoñen que tanto autónomos como PEMES teñan axudas directas e se apoie ao comercio local e de proximidade.
Dende a organización nacionalista criticaron ao cogoberno municipal de non convocar unha reunión con todos os grupos municipais para que se puideran aportar ideas de apoio para este sector da sociedade que tamén está a sufrir as consecuencias da crise sanitaria. Pensan que se podería enriquecer a proposta emanada do cogoberno así como promover medidas económicas concretas para a súa implantación.
“É imprescindíbel, en primeiro lugar, derogar a Lei Montoro de nivel estatal que privilexiou o pago á banca por riba das necesidades sociais e económicas dos concellos e limitando a súa capacidade de gasto” sinalaron. Dende o BNG. Asemade ofrecen unha pila de propostas económicas no eido municipal co obxectivo de concretar e axudar a “un importante colectivo con gran peso na nosa cidade”.
Por unha banda, propoñen que, tanto para autónomos como para PEMES, haxa axudas directas de 2.000 euros cunha cantidade adicional de 500 euros por cada traballador ou traballadora a seu cargo. Amais, para aqueles que tiveran que pechar os seus locais, propoñen unha axuda para o pago dos alugueres dos locais. “Non poden facer fronte aos pagos e ás moratorias e avais so lle atrasan o problema, non se lle soluciona nada coas propostas do cogoberno” indicaron.
Nun segundo bloque destacaron o apoio decidido ao comercio local e de proximidade en varias direccións: unha campaña pública en defensa e promoción dos produtos locais e dos mercados de proximidade, animando á xente a mercar nestes espazos; ademais de promover un plan de recuperación do comercio de proximidade, feiras e mercados “ao remate da situación de alarma tendo en conta o efecto producido polas compras online durante o confinamento”.