O BNG propón transformar a cadea vella nun centro municipal multifuncional no que tamén teña cabida o uso termal
O Grupo municipal do BNG defenderá no Pleno deste venres, que o Concello concorra á convocatoria do Plan de axudas estatais para financiar traballos de conservación ou enriquecemento de bens inmóbeis do patrimonio histórico artístico e inxeridas dentro do programa do 2% Cultural promovido polo MITMA e cuxa convocatoria para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de outubro
Ourense, 29 de agosto de 2023. O Grupo municipal do BNG rexistrou para o Pleno do Concello de Ourense previsto para este venres unha moción relativa á rehabilitación e posta en valor da cadea vella de Ourense, seguindo así a estela do que se fixo noutras instalacións similares e noutras cidades do país, nomeadamente no Concello de Lugo.
Fai pouco máis de 36 anos que a antiga prisión provincial de Ourense quedou baleira. Desde entón a hoxe, o edificio acumula anos de abandono e deterioro, até o punto que, en agosto de 2020 houbo que pechar e perimetrar, durante un tempo, a beirarrúa que discorre pola súa fachada principal ao ceder un tramo do aleiro e caer cascallos do tellado sobre a mesma, ameazando e supondo un risco para a seguridade das persoas.
O Grupo municipal do BNG considera “oportuno” reabrir “un debate necesario para chamar novamente a atención sobre o estado en que se atopa o edificio e dar un toque de atención ao Goberno Local para que non desaproveite unha oportunidade histórica de solicitar axudas para rehabilitalo e polo en valor”.
O BNG solicitará que o Concello concorra á convocatoria do Plan de axudas estatal para financiar traballos de conservación ou enriquecemento de bens inmóbeis do patrimonio histórico artístico e inxeridas dentro do programa do 2% Cultural promovido polo MITMA.
Destacan no BNG que “os requisitos que se esixen na orden da convocatoria, no caso da cadea vella de Ourense cúmprense. En primeiro lugar porque o edificio, que conta con protección integral, está dentro dun espazo catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural) e en segundo, porque é de titulariedade municipal en virtude da cesión efectuada polo Estado ao Concello no seu día”.
Ao tempo, aféanlle ao actual Goberno Local “os bandazos e a improvisación”, e engaden, “hai poucos meses, o alcalde defendía que a mellor opción era a de reubicar nese espazo a UNED pero o certo é que a indefinición do proxecto presentado acabou provocando que o proxecto quedara excluido do Programa de axudas estatais, obtendo unha Baixa puntuación, concretamente un 41,75 sobre 100”.
Polo exposto anteriormente é polo que no BNG entenden que para poder ter éxito nunha nova convocatoria e acadar os fondos precisos, até un máximo do 75% do valor do proxecto, “o Concello debe formular unha proposta que combine o uso público co uso termal, habida conta que nese espazo mana auga desta natureza”.
Pero, segundo os nacionalistas, “a cadea vella é moito máis, é un lugar de memoria para moita xente que tivo familiares represaliados, polo que calquera intervención que se faga nela debera ir ligada a unha lembranza e homenaxe do que significou o edificio na súa e na nosa historia. Cómpre o recoñecemento deste edificio histórico, do que representou e do que representa porque consideramos imprescindible coñecer o pasado para construír un futuro mellor”.
“Cómpre abrir as portas da cadea vella á veciñanza, que coñeza a historia de represión e o seu funcionamento mais tamén para que sexa un espazo público colectivizado, un espazo municipal multiusos do que poidamos gozar todas e todos”.