O BNG urxe á Xunta a posicionarse en relación co traslado do CIMM previsto polo Concello de Ourense, traslado que pón en risco “a confidencialidade, privacidade e seguridade das usuarias”
Desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, a deputada Noa Presas insta ao Executivo galego a dirixirse ao Concello de Ourense e ás diferentes institucións e entidades implicadas na rede de atención á violencia machista desta localidade para “abordar a necesidade de corrixir a decisión sobre o novo emprazamento do CIMM”
Ourense, 23 de maio de 2024. Nas últimas semanas e como consecuencia da insistencia do Grupo municipal do BNG, o Goberno Local encabezado por Gonzalo Pérez Jácome confirmaba o traslado do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) da súa ubicación actual na rúa do Ensino, ao edificio da Praza de San Martiño onde se ubican outros moitos departamentos municipais. Centro a cuxo financiamento contribúe a Xunta de Galiza no marco galego dos Centros de Información á Muller.
Para a deputada nacionalista Noa Presas “esta decisión supón un novo ataque do Goberno municipal aos dereitos das mulleres, na liña da supresión de programas de igualdade e de apoio, por exemplo á maternidade. Este retroceso chega acompañado doutras medidas de recorte en materia de servizos públicos e políticas sociais e supón un novo golpe ás persoas máis vulnerábeis do Concello”.
Presas sinala a importancia da ubicación actual do Centro xa que “garántese a confidencialidade e a seguridade das vítimas e de todas as persoas usuarias polo que abandonalas supón un paso atrás xa que, insistimos, abandónase un edificio no que se garante a intimidade e a confidencialidade das mulleres vítimas de violencia machista”.
“Estamos diante dun servizo que debe prestarse coas máximas garantías de intimidade e confidencialidade para as vítimas, e nun entorno agradable e tranquilo e o seu traslado a unha sede onde xa existen outros departamentos municipais e onde o movemento de persoas é moi elevado, o que impide dita confidencialidade, engadindo ademais riscos potenciais”.
Desde o BNG lembran que “a lexislación galega en materia de igualdade e loita contra a violencia machista contempla que a Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza promoverá que as entidades locais incorporen a perspectiva de xénero en todas as súas políticas, programas e accións administrativas, ben como o uso dunha linguaxe e unha imaxe non sexistas”. Así mesmo, “estabelécese que a Administración colaborará, a través da Consellaría con competencias en materia de igualdade, coas entidades locais para, con pleno respecto á súa autonomía, garantir a igualdade entre mulleres e homes en todo o territorio e fomentar medidas de apoio á Rede de Centros de Información á Muller”.
Noa Presas engade ademais que “de entre os obxectivos polos que debe velar o Goberno galego están fomentar a consolidación da Rede de Centros de Información á Muller para afortalar as políticas de igualdade no ámbito local, a coordinación e a colaboración coas entidades locais en materia de sensibilización, de prevención e de atención integral en materia de violencia de xénero, a oferta no ámbito local de servizos de atención e de acompañamento ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou a oferta de servizos de atención e de acompañamento ás mulleres en situación de vulnerabilidade a través da Rede de Centros de Información á Muller”.
Desde o Grupo parlamentar do BNG consideran fundamental a implicación do Goberno galego “para garantir unha adecuada atención na cidade de Ourense deste servizo no que colabora e que entra dentro das súas responsabilidades. Non se trata só de ter e manter o servizo, senón de que as súas condicións de funcionamento e accesibilidade sexan adecuadas”.