O BNG reclama maior desenvolvemento do Plan de promoción da Equidade do Concello de Ourense
As nacionalistas solicitan ao grupo de goberno que antes de comezar o último ano de desenvolvemento do Plan 2010-2014 se realice unha avaliación das medidas postas en marcha dende a súa aprobación para comezar a traballar na ampliación do mesmo ou na elaboración dun novo plan.
O BNG indica que no Plan para a promoción da equidade de xénero do Concello de Ourense recóllese un plano de traballo a desenvolver por Concellerías como Benestar Social, Participación Cidadá, Economía, Facenda e Emprego, Recursos Humanos, Vivenda, PERI e BIC, Xuventudo e Voluntariado e Igualdade no que aparecen numerosas medidas para eliminar as desigualdades entre mulleres e homes a través da acción municipal. O BNG considera a eliminación das desigualdades un paso imprescindíbel para a eliminación da violencia de xénero pois supón afrontar o problema dende a súa raíz e non só dispor de medios para atender e paliar as consecuencias.
O plan recolle medias concretas a desenvolver dende o Concello para combater a violencia de xénero (na área de actuación nº11) a través das que se persigue garantir a capacidade económica das mulleres para saír do círculo da violencia e a creación de ferramentas para a súa protección e acompañamento. Sinalan as nacionalistas que o feito de que o PP presente unha proposta para elaborar un Plan de Violencia de xénero Municipal demostra que o PP non coñece o contido do Plano de promoción da equidade de xénero no Concello de Ourense no que xa se inclúen ferramentas municipais dende a que desenvolver políticas encaminadas á prevención e atención ás víctimas de violencia machista, como medidas de acompañamento e apoio xurídico, a acollida en situacións de emerxencia, as campañas de sensibilización, o impulso na contratación de mulleres vítimas de violencia machista ou a reserva de partidas económicas específicas para cubrir as necesidades de emerxencia para mulleres víctimas ou persoas ao seu cargo.
O BNG esixe o cumplimento do Plan de Equidade e demandará a través dunha moción no pleno un maior seguimento das mesmas así como que se garantan os recursos necesarios para pòr estas medidas en marcha. As nacionalistas lembran que xa foi aprobada unha moción do BNG no pleno que instaba a aumentar os recursos materiais e persoais da Concellarìa de Igualdade, medida aínda pendente de implementar e que terá que reflectirse nos orzamentos 2014.
Na moción, ademáis dos compromisos que debe asumir o Concello o BNG quere que o Concello demande á Xunta de Galiza o cumprimento da Lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero aprobada en 2007, que o Goberno do PP está a ignorar en moitos dos puntos que implican medidas concretas para combater as consecuencias da violencia machista.
Denuncia o BNG neste 25 de Novembro que o que ven denunciando durante todo o ano, que o Partido Popular dende a súa chegada ao goberno da Xunta recorta en igualdade a razón de 25 millóns de euros anuais, 125 millóns de euros menos desde que Feijóo preside o Executivo, cando investir en políticas de igualdade é a forma máis eficaz de loitar contra a violencia machista.
Mostras destas políticas, di Ximena González, é que o PP anuncia que presenta unha moción no Concello na que non expón unha soa medida encamiñada á eliminación da violencia de xénero. A estas alturas, sinala Ximena González a sociedade sabe que o Partido Popular é o partido dos recortes en igualdade e prevención e atención das mulleres que sufren violencia machista, non é de extrañar que presenten unha iniciativa sen propostas, para a nacionalista o movemento feminista conseguiu que a sociedade non poda ignorar o 25 de novembro, por iso o PP presenta unha moción, pero faino sen ningunha proposta, porque non a teñen. Nen a teñen nen coñecen as que existen, se leran o Plan de equidade verían medidas concretas que o Concello xa se comprometou a desenvolver, é imprescindíbel que se cumplan os compromisos que xa existen.
Campaña Todas somos elas
O BNG realiza en torno ao 25 de novembro unha campaña nacional para dar visibilidade ás diversas formas de violencia que se exercen sobre as mulleres. Campaña na que participa o grupo municipal de Ourense e que consiste en visualizar nas redes sociais e durante o día 25 o xesto simbólico de facer unha marca baixo un ollo para visibilizar que todas as mulleres, sufran ou non as graves consecuencias que algunhas violencias causan, sufren violencia machista e que é tarefas de toda a sociedade eliminar todos os comportamentos e desigualdades que provocan esas violencias.
Ourense, 24 novembro 2013