A Casa da Xuventude debe ser xestionada pola mocidade
Co cambio de nome, Espazo Xove, veu tamén o seu desmantelamento e atrancos á hora de permitirlle as mozas e mozos a organización de actividades así como a xestión dos espazos e dos orzamentos. Segundo algunhas asociacións, a situación agravóuse dende o momento que nomearon unha coordinadora de actividades, por certo, curmá de Alberto Núñez Feijóo.
Ademais das trabas para o uso dos espazos e a promoción de actividades, agora a Xunta acordou trasladar para o primeiro andar do edificio o PEC, Punto de Encontro Familiar, o que fará que o centro Quérote se desprace ao cuarto andar restando salas para o desenvolvento de encontros e actos.
A Casa da Xuventude foi un referente da mocidade en Ourense, un espazo de creatividade do que xurdiron numerosos proxectos culturais e sociais que enriqueceron a nosa cidade e país.
Para o BNG, un dos valores máis salientábeis deste lugar foi a participación e a autoorganzación da mocidade como motor das súas actividades o que deu lugar ao seu recoñecemento nacional e internacional polo impulso das artes gráficas e de grupos vinculados ás diferentes artes escénicas e á música.
Aínda que depende da Xunta de Galiza, o grupo nacionalista quer que a corporación municipal se implique na solicitude ao goberno galego para mudar a dirección da Casa da Xuventude, que volva a ser a mocidade ourensá a que a xestione e por iso presenta unha proposta no próximo pleno para que se inste á Xunta a reactivar o Consello de Xestión da Xuventude para impulsar as funcións xestoras deste espazo.
O BNG tamén reclama que o goberno galego reconsidere a decisión de trasladar a este edificio o PEF dado que as características deste servizo conlevan intimidade e discreción polo que a Casa da Xuventude non parece o lugar máis acaído.