[ PO FB ] O emprego, aposta do BNG e centro dos debates no pleno municipal

[ PO FB ] O emprego, aposta do BNG e centro dos debates no pleno municipal

O Bloque Nacionalista Galego sacou adiante as tres mocións presentadas no Pleno do 5 de febreiro a través das cales o Concello instará á Xunta a apoiar a ILP das 3 R, o governo comprometese a pór en marcha un servizo de atención psicolóxica gratuíta ás persoas maiores de 60 anos nos Centros Cívicos e Ourense iniciará os trámites para incluír a cidade na rede internacional de Cidades Amigábeis coas Persoas Maiores.

Estes foron os temas a debate e as posicións defendidas polo BNG:

Aprobación inicial da modificación da ordenanza municipal sobre as ITEs.

O BNG defendeu a aprobación desta modificación da ordenanza que vén a continuar a tramitación que permitirá aumentar o prazo para a realización das ITEs a edificios anteriores a 1911, proposta que fora realizada polo BNG no pleno de decembro. O Portavoz Municipal, Xosé Somoza, solicitoulle ao goberno acelerar ao máximo os tempos para evitar a presión que se exerce sobre as veciñas con publicidades enganosas sobre as axudas municipais para as inspeccións.

Todos os grupos votaron a favor desta proposta.

Moción do PP para que se devolva no recibo do lixo a parte correspondente dos cartos ingresados por incumprimentos no servizo.

O BNG respondeu a esta proposta do PP cunha emenda na que se solicitaba destinar que os ingresos extraordinarios do Concello polo incumprimento do contrato do lixo sexan destinados á promoción do emprego e a ampliar o investimento social, cuestións que o BNG considera prioritarias na acción política municipal nestes momentos. O goberno terá que aprobar en pleno as modificacións orzamentarias que permitirán certificar que os cartos son dedicado aos fins propostos polo BNG.

A moción foi aprobada coa emenda do BNG e só DO votou en contra de que os cartos ingresados se destinen á promoción do emprego e investimento social.

Moción do PP para dotar os parques infantís de mobiliario lúdico adaptado a nenos con necesidades educativas especiais.

O BNG lembrou no debate desta moción que, coa chegada do BNG á Concellería de Medio Ambiente, se comezaron a instalar algúns destes elementos en parques da cidade, recordando o traballo de Marta Arribas neste sentido como mostra da sensibilidade do BNG ante a integración. No debate, o BNG presentou unha emenda de adición solicitando que a medida que se vaian substituíndo elementos deteriorados nos parques estes sexan repostos por mobiliario adaptado.

A moción foi aprobada coa emenda do BNG e só o voto en contra de DO.

Moción de DO solicitando unha campaña de sensibilización ante os ruídos. No debate desta moción o BNG presentou unha emenda para, mantendo a necesidade de facer dunha campaña de sensibilización, se inclúa a necesidade de facer cumprir a ordenanza de ruídos existente no Concello de Ourense, non porque existan cuestións para actualizar dentro da ordenanza hai que deixar de solicitar que se empregue o mellor mecanismo de control que ten a institución para garantir a convivencia da cidadanía neste aspecto: as inspeccións e atención das denuncias particulares e as actuacións sancionadoras ou correctoras que delas deriven.

A emenda do BNG foi aprobada co apoio do PSOE.

Presentouse outra emenda sobre a necesidade de comezar a traballar nunha nova ordenanza que contou co apoio unánime da corporación.

O texto da emenda foi finalmente aprobado coas dúas emendas presentadas contra a vontade de DO que equivocou o seu voto e apoiou as emendas que modificaron a súa moción.

Moción do BNG a favor dunha xestión ecolóxica e sustentábel do lixo [ Texto íntegro da moción ]

O BNG defendeu a necesidade de apoiar un modelo de tratamento do lixo diferente da incineración, o apoio da ILP das 3 R que acaba de ser presentada con máis de 21.000 sinaturas no parlamento galego, o financiamento de proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe que permitan a creación de emprego nas diferentes localidades e manter a aposta pola integración de persoas con discapacidade intelectual no sector da recollida selectiva do lixo e o porta a porta cun convenio específico.

O PSOE presentou unha emenda para eliminar a referencia á recollida porta a porta e selectiva na integración das persoas con discapacidade intelectual que foi rexeitada polo BNG.

O PP negouse a apoiar a ILP e a proposta de abandonar o modelo de incineración coa escusa de que a Xunta xa leva a cabo ditas políticas, algo que non é certo.

A moción foi aprobada sen emendas co apoio do PP no punto 4 (emprego e integración) e o PSOE nos tres primeiros puntos.

DO abstívose.

Moción do BNG para ofrecer ás persoas maiores atención psicolóxica gratuíta nos Centros Cívicos [ Texto íntegro da moción ]

O BNG defendeu a necesidade de dispor dun servizo de atención psicolóxica gratuíta para as persoas maiores a través dos Centros Cívicos. No debate lembrouse que o Concello ten que asumir numerosos servizos que está a desmantelar a Xunta de Galiza o que complica abordar a prestación de todos os servizos necesarios, malia isto houbo acordo en que é necessário realizar o esforzo de dar esta atención a un sector especialmente afectado e desprotexido como é o das persoas de maior idade.

A moción foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE e en contra de PP e DO.

Moción do BNG para integrar Ourense na rede de Cidades Amigábeis coas Persoas Maiores [ Texto íntegro da moción ]

Esta moción é resultado do traballo que o BNG v,en facendo no Consello Municipal de Persoas Maiores onde xa se creou un Grupo de Traballo para desenvolver o proxecto de incluír Ourense na rede de Cidades Amigábeis coas Persoas Maiores. Resultado deste traballo dáse o paso de presentar a moción co fin que o goberno inicie os trámites necesarios para seguir desenvolvendo o que será un proceso participativo de avellentamento activo no que serán as persoas maiores as que avalíen os cambios e melloras necesarias para que as cidades sexan máis amábeis coas persoas de maior idade.

A proposta foi ben acollida e a moción aprobada, coa abstención de DO.

O BNG tratou na sesión de rogos e preguntas as seguintes cuestións:

1- A pesar de ser o BNG o impulsor da vixente Ordenanza Reguladora do Tráfico, somos conscientes de que existe un problema en relación ao acceso das persoas residentes na zona histórica que non dispoñen de garaxe. Sabemos que o Sr. Alcalde se ten reunido con alguns veciños para falar sobre este tema. Rogámoslle ao goberno de esta cidade que atope unha solución a este problema, aínda que para iso se deba modificar a mencionada ordenanza.

2- Trasladáronnos unha queixa en relación a substitución do profesor de violín da Escola Municipal de Música ("Rafa Reporter"), pois segundo denuncian algúns pais e nais dos alumnos desta Escola, a persoa que se contratou para a substitución tivo que asinar un contrato totalmente precario, de 3 horas, que cremos non se corresponde cun modelo de emprego digno como o que pensamos debe realizarse desde o Concello de Ourense. As persoas que nos fixeron chegar esta queixa están preocupadas por se este vai ser o modo de proceder a partir de agora coas contratacións nesta Escola, aínda que nós pensamos que será como consecuencia dun apaño entre as partes implicadas. En todo caso, rogamos que non se continúe con este tipo de contratacións en precario e indignas dunha institución como o Concello.

3- No pleno realizado o 7 de abril do ano 2000 o grupo municipal do BNG daquel momento presentou una moción na que propoñían a recuperación da toponimia histórica medieval da zona vella da cidade de Ourense. A moción foi aprobada por unanimidade. Na propia moción xa se recoñecía a necesidade de implantar estes cambios durante un período de tempo mais ou menos amplo. Como xa pasaron case 13 anos, gustaríanos saber que pasos se deron para cumprir aquel acordo. Anunciamos que no pleno de marzo volveremos presentar esta moción.

4- Por que se está permitindo o acceso de vehículos á zona vella durante toda a tarde na zona do colexio das Carmelitas? Por que se permite o aparcamento incontrolado na zona do colexio das Josefinas? Hai residentes da rúa do Baño, que non poden nin saír dos garaxes cos coches.

Este era un problema ao que se lle dera unha solución cando o BNG estaba no goberno e que agora volve a xerar malestar entre os veciños desas zonas.

5- O BNG propuxo no pasado pleno a gratuidade da tarxeta de bus para desempregadas e modificacións na tarxeta dos maiores de 65 anos. Nese pleno o señor Barquero dixo literalmente ‘No mes de febreiro, o goberno municipal establecerá o procedemento a seguir e a data de implantación da medida’. Así o BNG quere saber en que situación está esta cuestión e cando se van definir cales son as datas e o procedemento para pór esta proposta en marcha.

6- No Pleno de agosto aprobouse unha moción sobre o pagamento do IBI por parte da Igrexa Católica, agora coñecemos unha sentenza favorábel ao Concello de Allariz que da luz verde para o cobro do IBI á Igrexa por varios bens urbanos, o BNG quere saber que ten pensado facer o Concello de Ourense neste sentido, vaille cobrar o IBI á Igrexa?

Ao final da sesión plenaria interviron no pleno as afectadas polas preferentes, fixérono com base ao artigo 5 do Regulamento de Participación Cidadá que lles permite ás veciñas da cidade facer preguntas referentes a cuestións municipais nas sesións plenarias. O BNG quere manifestar a súa satisfacción pola participación destas veciñas na sesión plenaria e reitera que, como neste caso, pon a disposición das veciñas toda a colaboración necesaria para que estas poidan exercer os seus dereitos e para aumentar e potenciar a súa participación nas institucións.

[ PO FB ] O emprego, aposta do BNG e centro dos debates no pleno municipal