Atención psicolóxica gratuita para as persoas maiores nos Centros Cívicos de Ourense

Atención psicolóxica gratuita para as persoas maiores nos Centros Cívicos de Ourense

Ourense é unha cidade con un claro proceso de envellecemento. Case o 30% dos seus habitantes teñen máis de 60 anos e na provincia a tendencia agrávase, pois o 36% da poboación total está por riba de esa idade.

Se a este proceso demográfico, que por si mesmo non pode ser considerado negativo, lle engadimos as consecuencias dunha profunda crise estrutural, unha ralentización total da actividade económica e un incremento do desemprego e dos ERE, que reducen até límites insostibles as rendas familiares, enfrontámonos ás peculiaridades que definen a situación actual de moitos fogares ourensáns, caracterizados pola volta á casa familiar dos fillos desempregados ou inmersos en ERES, que agora dependen de estirar as pensións dos seus pais para poder alimentar aos seus propios fillos. E non estamos falando de casos illados, senón de centos de familias que cada vez teñen máis perto esta única saída.

A volta á casa dos fillos coas súas familias xera nas persoas maiores unha gran carga de estrés, pois as súas responsabilidades, que co paso á vellez se reduciran ao seu ámbito máis persoal, increméntanse de forma expoñencial, ao ser agora de novo os garantes das condicións vitais dunha familia moi numerosa. Así aumentan os procesos de angustia e depresión nas persoas maiores, que en moitas ocasións precisan dunha axuda profesional para superar este cambio drástico nas súas vidas.

En Ourense temos a vantaxe de contar cunha rede de infraestruturas acaídas para lle ofrecer servizos comunitarios a esta poboación, os centros cívicos, que na nosa opinión deben encherse de contidos sociais para ter unha maior incidencia sobre o aumento da calidade de vida que todos e todas queremos para a poboación da nosa cidade.

Así como o Concello de Ourense ten asinado convenios con outros Colexios Profesionais, o que pretendemos con esta moción é que o Concello asine un Convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza no que se regule a prestación do servizo de atención psicolóxica ás persoas maiores nos centros cívicos de Ourense, como un servizo gratuíto ofrecido á cidadanía maior de 60 anos.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Asinar un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para ofrecer un servizo gratuíto de atención psicolóxica ás persoas maiores de 60 anos na rede de centros cívicos de Ourense.

Ourense, 31 xaneiro de 2013

Atención psicolóxica gratuita para as persoas maiores nos Centros Cívicos de Ourense