Seara: "é un cogoberno sen norte nin proxecto de futuro para Ourense"
O BNG critica o globosonda difundido por Democracia Ourensana para a instalación da UNED na antiga cadea
O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense criticou a falta de proxecto político para a cidade polos numerosos anuncios "carentes do máis mínimo rigor". Acusaron ao cogoberno de "disparate" a proposta de ubicar a sede da UNED na antiga cadea de Ourense xa que contradí o novo proxecto de mobilidade urbana sustentábel porque non reduciría o tráfico no centro da cidade.
Para o Bloque Nacionalista Galego, a nova lanzada polo cogoberno da cidade volve a ser unha das "ocorrencias" do goberno bipartito PP-DO, carentes de proxecto de cidade e sen norte. O voceiro municipal do BNG, Luis Seara, cualificou como "disparate" este globosonda por varias razóns: "a ubicación da UNED debería ser dentro do Campus Universitario da cidade; a segunda porque a cidade xa definiu, por consenso, cando o BNG formaba parte do goberno e tiña competencias en termalismo, cales eran os usos preferentes para esa zona do Concello, declarado Ben de Interese Cultural a través do Plan Estratéxico Termal".
O voceiro municipal do BNG continuou explicando que esta proposta contradí o novo Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS) que entre os seus obxectivos atópase o de pacificar e reducir o tráfico do centro da cidade. "Esta idea contribuiría ao contrario porque moitos das e dos alumnos da UNED son persoas de fora da cidade e, debido á escaseza e nulidade do Plan de Transporte da Xunta de Galiza, moitos desprázanse no seu vehículo particular" engadíu o voceiro municipal do BNG, á marxe de que rematarían por "liquidar a zona de transición da Ribeira do Barbaña entre o espazo da praza e a Muiñeira tal e como figura no Plan Estratéxico".
"Pasaron os anos e o certo é que máis do 95% dos proxectos que se aprobaron entón están sen executar. O Pouco que se fixo desde a aprobación do plan estratéxico fíxose co BNG á fronte da area de termalismo" afirmou Seara. O pasado mandato foi un "exemplo de desidia e abandono dunha area estratéxica como o termalismo, que acabou provocando deterioro das instalacións e dos espazos e mesmo problemas na xestión dos mesmos. Tampouco se prevén grandes avances no actual mandato, toda vez que no proxecto de orzamentos, o termalismo, que aparece mesturado con outras areas imporatantes como turismo ou xuventude, apenas leva o 1,5% do total do orzamento" engadíu o voceiro municipal.
"Este anuncio non é casual e hai que entendelo despois de que Baltar, o auténtico alcalde desta cidade, anunciara a posibilidade de facer un hotel balneario no Pazo Provincial, lanzando un globo sonda, a poucos meses das elecións galegas, para xustificar a implicación da Deputación no termalismo en Ourense, e evitar render contas da verdadeira realidade que é o desleixo e a absouta ausencia de políticas neste sector estratéxico" apuntou Seara. "Fronte á improvisación e a falla de proxecto de cidade, o BNG ten acreditado e acredita solvencia, rigor e modelo de cidade. Nós temos claro cal é o papel sobranceiro do termalismo en Ourense, e tamén cal debe ser o destino que teñen que albergar os edificios singulares e espazos termais do concello" engadíu o voceiro municipal do BNG .
Dende a formación nacionalista din ser plenamente conscientes da complexidade do desenvolvemento termal nunha zona tan sensible como son As Burgas -non hai que esquecer as sondaxes de Xardín dás Burgas para construír un hotel-balneario, que secaron as fontes-, a difícil dispoñibilidade dos terreos -o Tribunal Supremo acaba de invalidar o proceso de expropiación do solar de Xardín das Burgas-, a custosa remodelación do vello cárcere. "Mais pensamos que a construción dun hotel termal na antiga cadea provocaría un salto de calidade na oferta termal ao tempo que lle daría congruencia ao proxecto co que orixinalmente se declarou esa zona Ben de Interese Cultural" finalizou Seara, portavoz municipal do BNG.