Trasladamos a pleno as propostas dos colectivos en favor da accesibilidade
O grupo municipal do BNG mantivo varias reunións con responsábeis de COGAMI para traballar en propostas de accesibilidade para pór en marcha no Concello de Ourense a medio e curto prazo
En 2013 Ourense sumouse á Rede de Cidades Accesíbeis, pero como en moitas outras ocasións esta declaración de intencións non foi acompañada dunha folla de ruta para planificar as melloras necesarias que fixeran de Ourense unha cidade accesíbel.
O grupo municipal do BNG mativo varias reunións con colectivos da cidade que traballan no ámbito da accesibilidade e trasladará unha proposta elaborada co asesoramento de COGAMI que plantexa actuacións inmediatas, propostas a medio e longo prazo e a participación dos colectivos sociais na definición das políticas de accesibilidade como un dos eixos fundamentais.
A proposta do BNG non aborda só a adaptación das vías públicas senón a necesidade dun Plan de Accesibilidade integral no que se contemplen todas as medidas referentes á accesibilidade como poden ser: garantir que os servizos dependentes do Concello contemplen a accesibilidade, formación para o persoal municipal, adaptación da sinalépctiva ou mobiliario público.
Tamén a proposta das asociacións o BNG pedirá que se aborden mesas de traballo específicas para os temas de accesibilidade, ben a iniciativa do Concello ben a petición das asociacións, pois as comisións -en palabras das asociacións- cando non son específicas rematan por ser inservíbeis e convocannos a reunións nas que non hai traballo concreto.
Outra cousa que piden as asociacións é que se revisen o PERI da zona histórica para revisar algúns dos criterios de accesibilidade. O BNG tivo a oportunidade de falar con vari@s comerciantes da zona que quixeron adaptar os seus locais e non puideron facelo por causa dos actuais criterios. Cómpre pois unha revisión da man destas asociacións para solventar estes problemas.
O BNG tamén proporá ao pleno que as asociacións que traballan no ámbito da accesibilidade teñan acceso ao prego de condicións da concesión dos autobuses para garantir que se reflicta a necesidade das persoas con discapacidade e/ou mobilidade reducida.
A concelleira Ximena González sinalou que é unha proposta que partillamos coas asociacións, e que conta co asesoramento de COGAMI, propostas concretas para comezar a traballar de inmediato nelas e que poden darlle un impulso enorme á accesibilidade en Ourense para que formar parte da Rede de Cidades Accesíbeis teña un sentido real.
[ TExto íntegro da MOCIÓN SOBRE ACCESIBILIDADE ]
Ourense 3 de xuño de 2014