A Concellaría de Medio Ambiente inicia unha campaña de sensibilización ambiental
Co gallo de conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra este 5 de xuño, a Concellaría de Medio Ambiente de Ourense vén de presentar unha campaña de sensibilización dirixida ao público infantil. NoMedio. Pertenzo a unha comunidade de vida é o lema que agrupa unha serie de actividades lúdicas de animación de rúa para achegar aos máis cativos valores como o respecto, a convivencia, ou a resposabilidade individual e colectiva co medio e coa vida como camiño cara a unha consciencia verde global. O programa arranca este xoves, 24 de maio, na Praza de San Martiño: haberá un obradoiro de construción de monicreques seguido do espectáculo O Galo Quirico, de Viravolta Títeres.
A Concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Marta Arribas, foi a encargada de presentar hoxe esta nova iniciativa do seu departamento que non quere limitarse ao mantemento e conservación dos espazos verdes de Ourense, senón facer partícipe á cidadanía do rol que todos xogamos no compromiso co noso medio. A edil difiniu a campaña como unha iniciativa humilde pero feita coa maior das ilusións, que é a que queremos transmitir ao todos os que participen dela e defendeu a realización das actividades, xogos, teatro, contacontos, etc. en espazos públicos a reinvidicar e pór en valor referíndose especialmente ás dúas gynkanas que se celebrarán en Montealegre o propio día 5.
Acompañando a edil estiveron hoxe no acto de presentación a técnico de Medio Ambiente, María Hermida, e o representante de Cultura Activa, Fran Rey, quen deu conta da programación para estes días destacando o privilexio de contar con contacontos como Anxo Moure, que vai percorrer as rúas da cidade coa súa ciclobiblioteca e os espectáculos de Malabaranda Teatro un dos maiores embaixadores do Novo Circo en Galiza.
A campaña NoMedio programará actividades até o 8 de xuño, todas de balde e abertas tanto a pequenos como maiores.
Ourense, 23 de maio de 2012.