A Concellería de Turismo aposta pola gastronomía como axente dinamizador do sector hostaleiro
Ensaladas, espetadas, pinchos, tostas, montadiños, petiscos, delicias e bocados de toda clase son os suxerentes nomes e presentacións coa que os establecementos nomean as súas creacións para esta nova edición do Concurso de Pinchos de Primavera que se celebrará do 3 ao 20 de maio.
Trátase dunha iniciativa subscrita no convenio co Instituto de Turismo de España (Turespaña) e desenvolta pola Concellería de Turismo a través da empresa Turismo de Ourense S.A en colaboración coa Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO) que pretende actuar como dinamizador do sector hostaleiro da cidade ao tempo que reivindica o valor da nosa gastronomía como atractivo turístico da cidade, auténtico patrimonio ourensán.
A Tenente Alcalde e Concelleira de Turismo, Isabel Pérez, foi a encargada de desvelar todos os detalles desta nova edición de Sabores de Ourense- Primavera unha iniciativa que crece e se consolida como unha cita imprescindíbel no calendario gastronómico ourensán e que bate récords de participación con 38 establecementos inscritos.
O salón de Plenos acolleu o acto de presentación no que a edil do BNG estivo acompañada polo secretario da Unión de Hostaleiros de Ourense, Javier Outomuro, e o cociñeiro da Fábrica de Vilanova, André Arzúa que actuará como xurado especializado nesta edición. Trasládase así a estreita colaboración e excelente diálogo entre sector privado e Concello que un ano máis fai posible esta iniciativa, xa que, tal e como explicou a Tenente Alcalde trátase de seguir sumando esforzos entre todos por ese interese común que é Ourense e a súa posta en valor como destino turístico e cidade dinámica que xere riqueza e emprego.
Sabores de Ourense plantexa este ano como novidade do Concurso de Pinchos a categoría única evitando facer a anterior clasificación ( pincho tradicional e pincho creativo) atendendo aos propios hostaleiros para simplificar o seu traballo, centrar o esforzo e abrir a convocatoria a novos establecementos. Isabel Pérez animou aos ourensáns a premiar o bo facer dos nosos cociñeiros participando cos seus votos neste concurso a través das papeletas que a organización pon en circulación para elixir o Premio do Público.
Como complemento ao concurso, e en estreita colaboración coa UHO programouse tamén unha proposta formativa para os profesionais da cidade. O Obradoiro práctico de tapas e pinchos celebrarase o próximo luns 23 de abril no Restaurante Asador de Roa e están convidados todos os profesionais do sector hostaleiro da cidade. O poñente será Antonio González do restaurante Os Zagales de Valladolid. Un prestixioso especialista da alta Cociña en Miniatura que ao longo dos seus máis de 20 anos de traxectoria profesional, gañou máis de 13 premios en concursos gastronómicos. Neste sentido, Javier Outomuro, da UHO, destacou a especialización rexistrada este ano nas propostas presentadas e a importancia que supón actos como estes que serven aos profesionais innovar e actualizar a súa oferta de negocio para identificar a proposta de Ourense e diferenciala de outros destinos competidores.
Co ánimo de promocionar e fomentar a participación activa neste Sabores de Ourense - Primavera poranse en circulación carteis e folletos informativos con todos os detalles das propostas dos 38 establecementos. Así mesmo cada participante estará visiblemente identificado e contará, como xa ven sendo habitual, con urnas e papeletas de votación. O desenrolo da edición poderá seguirse no blog das xornadas (accesíbel dende www.ourense.travel) nos terminais móbiles a través dun código QR impreso nos folletos, así como nas diferentes redes sociais.
http://saboresdeourense.turismodeourense.com
Ourense, 19 de abril de 2012.