Festas 2012: marcadamente ourensás, plurais e participativas.
Ourense empeza xa a descontar os días que restan para que den comezo as Festas grandes da cidade. A Concellaría de Cultura vén de presentar o programa de actividades previsto para estes quince días de celebración continua nos que Ourense será a principal protagonista; unhas festas que aspiran a a ser unha homenaxe á producción cultural e de lecer que se fai na cidade. A encargada de desglosar o programa esta mañá foi a tenente Alcalde, Isabel Pérez, que convidou aos veciños e veciñas da cidade a participar dun programa para todos os públicos e idades nos que se intentou dar cabida á toda a importante actividade dinamizadora dos diferentes axentes que fan cultura na cidade. Música, teatro, deportes, actividades infantís e animación de rúa protagonizan unha cita festiva na que non faltará o mercado medieval, as casetas gastronómicas ou as atracción e barracas na Alameda para os máis cativos. Un programa que, apuntou a Tenente Alcalde significa Cultura para Ourense, porque Ourense é Cultura.
O Salón de Plenos foi o lugar escollido pola concelleira Isabel Pérez para dar conta da intensa programación festiva para estes días que arranca xa este mesmo xoves. A edil estivo acompañada polo Concelleiro de Deportes, Fernando Varela, en representación da importante actividade deportiva que se desenvolverá estes días, e que se inicia este sábado co V Campionato de Futbolín Cidade de Ourense e que inclúe entre outros a III Carreira Nocturna das Festas (día 30), Torneo de Chave ou o XLIV Descenso do Miño en Piragua (día 23).
A Tenente Alcalde e Concelleira de Cultura defendeu o traballo deste departamento municipal no deseño dun programación que sexa coherente co peso que teñen no noso calendario festivo e teñan en conta a situación económica que estamos a atravesar. Así, o programa para este ano conta cun orzamento de 310.000 (sen contar o Derrame Rock), 40.000 menos que no pasado ano. Pérez fixo fincapé na importante deste investimento como fonte de recursos económicos non se tratá só de democratizar o acceso á cultura, piar fundamental do benestar colectivo senón que tamén contribúen a fornecer o atractivo de Ourense para os visitantes; a oferta cultural combínase coa turística, a gastronomía, o termalismo para asegurar unha experiencia única que moitos turistas repiten.
XVII Derrame Rock
Mención especial mereceu a presencia do Derrame Rock nas programación das festas, tres días de concertos de primeiro nivel na cidade previstos para os días 28, 29 e 30 de xuño. Isabel Pérez apuntou que se trata dun auténtico luxo para a cidade contar cun evento desta magnitude non só por referenciar o nome de Ourense en todo Estado senón polo importante número de visitantes que atrae: o pasado ano xa rexistramos unhas cifras excelentes, e desta volta, coa mellora de ubicaicón que supuxo o traslado a Oira e ampliación de programación á propia cidade, estamos seguros de que superaremos marcas.
Un pregón que homenaxea a figura universal dos afiadores
Aínda que desde este xoves 21 xa se pode desfrutar da proposta de actividades, as Festas de Ourense arrancan de xeito oficial o luns 25 coa celebración do Pregón. O evento este ano está adicado á figura do afiador; nunha homenaxe ao traballo e vida destes profesionais que levaron a imaxe de Ourense polo mundo adiante. As celebracións, que inclúen maxia, monólogos e música da man dos Sonoro Maxín, terán o seu acto principal na chegada a Ourense de Armando Álvarez, escea final do filme documental que este afiador natural de Castro Caldela protagoniza: A última viaxe do Afiador, de Aitor Rei. O acto inaugural das Festas convírtese así non só nunha reinvindicación dunha figura senlleira na historia da cidade, senón que é tamén unha aposta pola producción audiovisual feita en Ourense e sobre Ourense.
Ourense, 18 de xuño de 2012.