Impulso das políticas de Igualdade no Concello de Ourense

Impulso das políticas de Igualdade no Concello de Ourense

Texto íntegro da moción presentada para debate no pleno do venres 1 de marzo:

Por iniciativa do BNG, o Concello de Ourense aprobou o 2 de xullo de 2010 o II Plan para a Promoción da Equidade de Xénero, iniciando o camiño para acadar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes e a eliminación das discriminacións por razón de xénero cun enfoque que insería, na planificación das políticas municipais, a imprescindíbel perspectiva de xénero.

A aposta por incluír a perspectiva de xénero no goberno municipal fixo que se elaborase en Ourense a primeira Ordenanza municipal para a promoción da equidade de xénero na xeografía galega. Unha ordenanza na que se abordan temas como o uso non sexista da linguaxe, a introdución da igualdade de xénero nos concursos e contratos públicos e na xestión dos recursos humanos, nas políticas deportivas, de saúde, no urbanismo, nas políticas culturais e na promoción do emprego.

En marzo do 2011 inaugurouse na cidade o novo edificio do Centro de Información Municipal ás Mulleres no barrio do Couto, unha aposta do BNG como parte do Goberno da cidade por concederlles ás políticas de igualdade o lugar que merecen. Este centro, que pon a disposición das mulleres un espazo para o encontro e a atención, naceu tamén para lle dar resposta á grave situación que viven moitas mulleres do noso contorno que sofren as consecuencias da violencia machista.

É tarefa desta Corporación Municipal pór a disposición da cidadanía todas as ferramentas necesarias para combater as situacións de discriminación por razón de xénero. Nesta tarefa deben xogar un papel protagonista a aplicación da Ordenanza Municipal de Equidade e o Centro de Información Municipal ás Mulleres.

A ordenanza municipal debe ser a folla de ruta das políticas municipais no camiño de acadar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes. O Centro de Información Municipal ás Mulleres ten que ser un centro de referencia para as mulleres vítimas de violencia. O Concello debe garantir os recursos necesarios para a atención destas mulleres e, na medida das súas posibilidades e competencias, permitir que esta atención non se vexa afectada polos ataques que os dereitos das mulleres están a recibir por parte do goberno do Estado e do goberno da Xunta de Galicia.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

- Desenvolver a ordenanza municipal para a promoción da Equidade de Xénero, tal e como se recolle no II Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense

- Dotar á Concellería de Igualdade de persoal e os recursos necesarios para garantir as mellores condicións de atención das mulleres vítimas de violencia machista.

- Garantir que o servizo de atención psicolóxica do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) se realiza de xeito inmediato ante a demanda das posibles usuarias, aínda que esta medida poida obrigar a modificar a estrutura organizativa do Centro.

- Garantir a atención xudicial e o acceso á xustiza das vítimas da violencia de xénero que non teñan capacidade económica para facelo.

Ourense, 25 de febreiro de 2013

O voceiro do Grupo Municipal do BNG

Xosé Somoza Medina

Impulso das políticas de Igualdade no Concello de Ourense